Drogas e abusos sexuais na infancia: a dura vida de Whitney Houston

Un documental profunda na vida da cantante que morreu en febreiro de 2012 aos 48 anos

Whitney Houston. EP
photo_camera Whitney Houston. EP

Whitney Houston faleceu en febreiro de 2012 aos 48 anos afogada na bañeira dun hotel en Beverly Hills. O documental que Kevin Macdonald mostrou fóra de competición en Cannes profunda no camiño que a levou a esa morte, onde non faltaron drogas nin abusos sexuais na infancia.

Whitney profunda nunha cantante que vendeu máis de 200 millóns de álbums en todo o mundo e que entre os seus éxitos inclúe títulos como I will Always Love You ou Saving all my Life for You. Faino con entrevistas á xente máis próxima da súa contorna, como a súa nai, Cissy, ou o seu exmarido, o rapero Bobby Brown, cos que constrúe un puzzle que revela que a súa curmá Dee Dee Warwick abusou dela de pequena e percorre tanto o alcance da súa cima profesional como a posterior bancarrota.

Macdonald non tiña un interese particular pola cantante cando o seu axente, Nicole David, o contactou: "Díxome que era a quen máis quixera na súa vida profesional pero que nunca comprendeu por que acabou levando unha vida tan tráxica e pediume axuda para entendela", contou a Efe o director.

A xente, sinalou, "estaba asustada de falar dela porque a historia é tan escura que pensaba que ían ser asociados, culpados ou sentíanse culpables".

O cineasta, Óscar á mellor película documental en 2000 por One Day in, ten claro que a intérprete non podía escapar do seu tráxico final. "Nunca foi capaz de crecer por culpa do abuso sexual, non puido afastarse do tornado de cousas que a rodeaban, fóra a droga, casar co home equivocado ou non estar presente para a súa filla", que en 2015 morreu por unha combinación de afogamento nunha bañeira e intoxicación por drogas e alcol.

Whitney foi unha vítima, di, que alcanzou a fama ao coprotagonizar con Kevin Costner The Bodyguard (1992) e a quen os sucesivos excesos lle foron apagando a súa voz, "unha xiringa que vai directa ao corazón". Macdonald acepta metela no mesmo saco que outros artistas malogrados como Michael Jackson ou Amy Winehouse: "Persoas con moito talento e defectos que os machucaron", e que espertan o interese tamén "porque aos seres humanos fascínanos a traxedia".

E no perfil que traza dunha muller que empezou a cantar no coro da súa igrexa en Newark e deu salto ao mundo profesional empuxada pola súa nai, tamén cantante, ofrece novos matices sobre a súa orientación sexual e a relación ambigua que mantivo con Robyn Crawford, a muller que deseñou a súa imaxe.

"Se hai unha mensaxe que extraer é que a prensa e as redes poden ser moi crueis na forma en que tratan á xente, pensar que os famosos son xoguetes, esquecendo que todos temos sentimentos e que, de feito, algunhas das maiores estrelas son as máis vulnerables", conclúe.

Comentarios