Galicreques presentará 13 funcións escolares de compañías galegas e do resto do mundo

O festival celebrará entre os días 13 e 21 a súa 23ª edición, convertendo Santiago un ano máis en gran referente para o xénero escénico dos títeres

'Viaje a un país de Cortázar', coprodución galego-arxentina das compañías Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün.
photo_camera 'Viaje a un país de Cortázar', coprodución galego-arxentina das compañías Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 23ª edición entre o 13 e 21 de outubro de 2018 cunha ampla programación que, con máis de 25 espectáculos, contará cun marcado carácter internacional ao traer a Santiago de Compostela compañías procedentes de Arxentina, Brasil ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto do estado español.

A programación incluirá tamén unha ampla sección dedicada ao público máis novo, ao incluír funcións para o alumnado tanto de colexios coma de institutos, constituída por 13 representacións de outras tantas compañías galegas, estatais e internacionais.  

Deste xeito, o festival organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, reedita un ano máis o seu duplo compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e de creación de novos públicos para a escena. Neste XXIII Festival Galicreques volverá contar con centos de rapaces e rapazas como espectadores neste tipo de funcións. 

Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE (Rúa Salvadas 2ª, Parque de Vista Alegre), o Teatro Principal (Rúa Nova, 21) e o Centro Sociocultural Santa Marta (Rúa Antonio Rama Seoane, 6) e concentraranse principalmente en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 15  e o venres 19. Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. A adxudicación de prazas farase atendendo á orde na que se fagan as reservas. 

Funcións para escolas
A programación escolar do Festival Internacional de Títeres de Santiago de Compostela Galicreques inclúese tamén dentro do ciclo Teatro Escena-Teatro e Monicreques para Centros de Ensino prevista para Outubro de 2018, ofrecendo así ao longo do mes 13 funcións para escolares. A programación arrinca o luns 8 de outubro, cunha función na Fundación SGAE ás 10.30 h. de La ratita presumida, da formación valenciana Teatro La Estrella e destinada a rapaces maiores de 2 anos. 

Unha semana despois, o luns 15 de outubro, e xa co Festival Galicreques en marcha, a SGAE acollerá ás 10.30 horas a peza El pirata Barba, dos valencianos Xarop Teatro, dedicada ao público a partir de 4 anos.  

A Fundación SGAE continuará ao longo desa semana de outubro acollendo diversas funcións para o público dos colexios. Así, o martes 16 ás 10.30 h., será a quenda de Títeres Brincadeira, que lle ofrecerá aos espectadores maiores de 4 anos a obra Orellas de Trapo. O  mércores 17, tamén ás 10.30 horas, os arxentinos de Uluria Teatro actuarán coa peza En una canasta, espectáculo ideado para maiores de catro anos. O xoves 18 a formación aragonesa Teatro de Medianoche ofrecerá ¿Quién soy?, montaxe pensada para o público a partir de 5 anos. Finalmente, o venres 19 ás 10.30 horas, os mexicanos de Mano y contramano representarán El oso que no lo era,  peza formulada para espectadores maiores de cinco anos. 

O Teatro Principal tamén acollerá funcións destinadas ao público de infantil e primaria como son La caperucita, dos arxentinos Tres Tigres Teatro (o martes 16 de outubro ás 11.30 h) ou DerreTimos, dos valencianos PTV-Clowns (o mércores 17 ás 11.3o h.).  

Por último, o Centro Sociocultural de Santa Marta recibirá o luns 15 de outubro ás 11 horas ao Grupo brasileiro Sobrevento, coa montaxe Mi Jardín (ideada para menores de cinco anos), e o martes 16 de outubro, Luis Vallecillo dará a coñecer a súa obra musical Cantamos? o martes 16  ás 11.00 h. 

 

Tres espectáculos para os maiores de 10 anos
O público maior de 10 anos, que desenvolven os seus estudos xa na ESO e Bacharelato, contarán con tres espectáculos diferentes na programación do XXIII Festival Internacional Galicreques.

O primeiro deles celebrarase o luns 15 de outubro nunha dupla función ás 10.00 horas e ás 12.00 horas. Trátase de Viaje a un país de Cortázar, coprodución arxentina-galega das compañías Tres Tigres Teatro, Chachakün e Títeres Cachirulo.  A segunda montaxe será Home, dos madrileños de Mazzú Teatro, formación que actuará no Teatro Principal ás 11.30 horas o xoves 18 de outubro.

Por último, o venres 19 de outubro, tamén no Teatro Principal, a histórica compañía Os Monicreques de Kukas ofrecerá unha función para institutos do seu último espectáculo: Requiem por un monicreque, escrita por Roi Vidal Ponte e galardoada co Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos.

Comentarios