Unha prospección arqueolóxica en Padrón tratará de localizar a roca onde xacería o Apóstolo

A intervención consistirá nunha excavación con xeoradar 3D nun meandro do ríou Sar, nunha superficie duns 1.500 metros cadrados

Imagen del Apóstol Santiago en la catedral de Santiago. AEP
photo_camera Imaxe do Apóstolo na catedral de Santiago. AEP

Unha prospección arqueolóxica tratará de localizar en Padrón a roca onde, segundo a tradición cristiá, se depositou o corpo do Apóstolo Santiago á súa chegada a Galicia, segundo informou este xoves o consistorio padronés. 

A iniciativa parte da Asociación Cultural Vila Petroni, conta co apoio financeiro da empresa Vermutería de Galicia e desenvolverase na paraxe da Barca, no barrio da Trabanca. 

"A tradición popular recolle, polo menos desde o século XV, a existencia desta pedra. Este proxecto aválase en si mesmo, xa que todas as fontes escritas están redactadas por testemuñas de excepción cun crédito incuestionable", asegura o presidente da asociación promotora, Ángel Rey.

Deste xeito, o obxectivo do proxecto consistirá analizar o subsolo no "antigo meandro" do Río Sar, que pasaba pola citada zona da Barca para tratar de dar con esta roca a través de técnicas geofísicas con sistema xeorradar en 3D. 

No caso de que se localice esta roca, procederase a escavar o punto e recuperar a pedra. A actuación recibiu este xoves luz verde do concello, que aclara que o proxecto conta coa perceptiva autorización de Patrimonio. 

Segundo destacou o rexedor de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o achado podería "marcar un antes e un despois" na historia da localidade, considerada o "berce do Xacobeo".

FONTES DOCUMENTAIS. Como lembra o consistorio no seu comunicado, a existencia da roca "aparece testemuñada en diferentes referencias bibliográficas" como os escritos dun cronista do rei Felipe II chamado Ambrosio de Morales, así como outros viaxares e peregrinos.

Segundo apuntan eses escritos, a pedra onde se depositou ao Apóstolo Santiago tras a súa chegada a Galicia está localizada no meandro do río Sar, unha zona que foi enchida con áridos na década dos 60. 

Así, esta roca contería un "sinal de configuración antropomorfa" causada pola erosión e que a tradición popular identificou como "aquela en a que se depositou o corpo do Apóstolo Santiago". 

Comentarios