Tiruleque lanza 'Outro que tal baila', o seu terceiro disco

A banda coruñesa estreará a súa xira o 17 de febreiro na Sala Capitol e actuará en A Fundación, en Melide, Garufa Club, en A Coruña, SalaSon, en Cangas, e no Clavicémbalo, en Lugo

A banda coruñesa Tiruleque. TRAGALUZ FOTOGRAFÍA
photo_camera A banda coruñesa Tiruleque. TRAGALUZ FOTOGRAFÍA

Tiruleque sacará á venda no mes de febreiro o que será o seu terceiro disco de estudio. Tras lanzar os álbums Tiruleque en 2009 e Mu!! en 2013, a banda coruñesa publicará o 17 de febreiro Outro que tal baila, un proxecto discográfico que presenta un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. Polo tanto, o título do álbum resulta unha auténtica declaración de intencións, xa que define perfectamente o espírito deste grupo que, disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega.

Con este espírito, Outro que tal baila reúne un feixe de dez temas, dos cales tres son composicións propias nos que se xoga cos límites dos xéneros e seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.

XIRA DE PRESENTACIÓN. Tiruleque presentará este novo álbum o vindeiro sábado 17 de febreiro na compostelá Sala Capitol. Posteriormente, será o turno de A Fundación (Melide, 23 de febreiro), Garufa Club (A Coruña, 9 de marzo), SalaSon (Cangas, 28 de abril) ou Clavicémbalo (Lugo, 16 de xuño). Estas catro citas enmárcanse na programación da Rede Galega de Música ao Vivo. promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

 

Quince aniversario

O disco péchase cun último tema especial, Muiñeira do lacón, gravado en 2002 pola banda e que foi emitido pola Radio Galega en 2005 na primeira aparición radiofónica do grupo.  Así, Tiruleque recupera a gravación, grazas á colaboración de Emilio Españadero, do programa Lume na Palleira. Este colofón para o disco significa unha volta ás orixes dun grupo que comezou a andar en 2002 e que no ano pasado cumpriu 15 anos de traxectoria.

Comentarios