Catro anos de cárcere para o intermediario da fichaxe de Casillas polo Porto

O axente tería enganado a un antigo socio para cobrar unha comisión polos servizos de mediación no traspaso do porteiro
O axente intermediario na fichaxe de Casillas, Santos Márquez (centro). EFE
photo_camera O axente intermediario na fichaxe de Casillas, Santos Márquez (centro). EFE

A Audiencia Provincial de Palma de Mallorca condenou a catro anos e un día de prisión ao representante de futbolistas Santos Márquez González por un delito de estafa agravada na fichaxe do porteiro Iker Casillas polo Porto. Segundo a sentenza, en 2014, o axente enganou ao seu exsocio Jorge Ignacio S., ao que fixo crer que o futbolista quería fichar por algún equipo de Estados Unidos. Tamén lle fixo pensar que a comisión por esa fichaxe iría destinada ás contas da empresa Mallorca Viva SL, na que ambos foran socios e coa que seguía colaborando.

DELITO DE ESTAFA AGRAVADA. A empresa, por iso, aportou 9.100 euros a Márquez para a súa total dispoñibilidade na negociación da fichaxe de Casillas, cuxa comisión, unha vez pechado, o representante "resolvera non destinar" á empresa. De feito, en xuño de 2015, iniciou contactos como "axente libre" co mánager do deportista para negociar o seu traspaso ao Porto. Unha fichaxe que se asinou en xullo, tras a apertura por Márquez dunha nova firma, VS Players SL, na que era socio maioritario, e na que depositou a comisión con ánimo "de lucro e en beneficio propio" sen informar diso aos seus anteriores socios, quen seguiron asumindo mentres tanto o pago do aluguer e unha subscrición televisiva de Márquez.

Segundo a sentenza, a nova empresa cobraría 256.500 euros como compensación polos servizos de mediación e asesoramento realizados por Santos Márquez. En realidade, só recibiu o primeiro pago porque os outros tres foron consignados polo xuíz como medida cautelar. VS Players alcanzou un acordo previo ao xuízo con Mallorca Viva para abonar unha cantidade superior aos 244.000 euros en concepto de indemnización.

Agora, a Audiencia de Palma condena ao acusado a catro anos e un día por un delito de estafa agravada en concurso con outro de apropiación indebida e 2.166 euros de multa. Tamén o inhabilita para exercer como axente, comisionista ou intermediario en operacións de deportistas durante o cumprimento da condena. A sentenza, recurrible en apelación, impón ao acusado unha indemnización en concepto de responsabilidade civil ao denunciante de 115.666 euros e asumir as dúas terceiras partes das costas do procedemento.

Comentarios