Óscar García Junyent: "Quero un Celta protagonista"

O novo adestrador celeste admite que ten unha estrea difícil no Camp Nou
Felipe Miñambres, Óscar García y Mouriño. SALVADOR SAS
photo_camera Felipe Miñambres, Óscar García y Mouriño. SALVADOR SAS

Óscar García Junyent afirmou este mércores, durante a súa presentación como novo adestrador do Celta de Vigo, que o plantel celeste ten "vimbias" para saír da zona de descenso e aclarou que asinou ata final de tempada porque “creo que é o mellor para as dúas partes: a min non me gusta cobrar sen traballar”, asegurou.

“O persoal ten calidade e hai que traballala noutro tipo de cousas que son moi mellorables. Da noite para a mañá, se un equipo está decaído, non podes subilo ao día seguinte. Pero imos intentar facer ese proceso o máis rápido posible”, apuntou o ex futbolista.

Formado na Masía, Óscar García admitiu a influencia de Johan Cruyff, o técnico que o subiu ao primeiro equipo, na súa aposta futbolística como adestrador. "Sempre me deu moi bos consellos. Tiña unha visión do fútbol moi clara. Todos os adestradores que fomos dirixidos por el, temos a gran sorte de moitas veces entender o que está a pasar. Era un dos seus obxectivos e tamén dos meus, que os xogadores sexan intelixentes e entendan que está a pasar", avanzou.

O catalán foi cuestionado polos seus repetidas rescisións de contrato, “é unha sorte para os clubs”, e apuntou que as súas decisións nunca estiveron motivadas por temas deportivos. "Co Saint-Étienne iamos sextos e acabou sétimo ou oitavo. Logo de irnos estiveron en zona de descenso. Son un adestrador moi claro, explico as cousas que non me gustan e se esas cousas pasan unha, dúas, tres veces tomo decisións", argumentou.

Neste sentido, explicou por que só asina ata final de tempada: "Creo que é o mellor, e o club tamén. Se ao terminar os dous estamos contentos, podémonos sentar a falar. Non me gusta cobrar sen traballar".

Unha estrea difícil no Camp Nou
Recoñeceu que o Camp Nou non é o mellor estadio para estrearse como adestrador en LaLiga, e menos neste momento porque o Barça non atravesa "o seu mellor momento" e intentará "resarcirse" ante o Celta. "Temos que ir competir", indicou Óscar García, que quere que o seu equipo sexa "moi proactivo" e practique un fútbol do que a afección se senta “orgullosa”: "Hai moitos xogadores de aquí e a súa implicación será maior para xogar con paixón, quero que sexamos protagonistas, aínda que iso ás veces depende do rival”.

Preguntado por se expulsaría a un futbolista dun adestramento como no seu día fixo o holandés Louis Van Gaal con el, foi contundente: “Pensaríamo dúas veces. Foi unha situación que quedou moi marcada na miña carreira pero non teño nada na súa contra, era unha persoa que sempre ía de cara”.

Comentarios