Renova co Dépor a xogadora que celebrou a vitoria do Celta no derbi

Patri Rúa foi expedientada en decembro

Patri Rúa. TWITTER (@RCDeportivo)
photo_camera Patri Rúa. TWITTER (@RCDeportivo)

O Deportivo Abanca confirmou a continuidade da lateral esquerda Patri Rúa, que en decembro fora expedientada polo club por, supostamente, celebrar o triunfo do Celta no derbi de Primeira División ante o conxunto coruñés nas súas redes sociais.

Rúa chegou o pasado verán ao Deportivo procedente do Sárdoma CF e alternou o primeiro e o segundo equipo do Deportivo ao longo da tempada 2017/18.

Co cadro de persoal de Segunda División Nacional, a ourensá, que ten 20 anos, disputou 17 dos 26 partidos da categoría.

En decembro, o club abriulle expediente informativo porque supostamente celebrara o triunfo do Celta de Vigo ante o conxunto coruñés nas redes sociais horas despois do derbi galego que se disputou no estadio Abanca-Riazor (1-3).

Na súa conta persoal privada de Instagram, Patri Rúa publicara unha "historia" de festa cunhas amigas e o texto "celebrando a vitoria do Celta" a noite posterior á disputa do derbi.

A futbolista ourensá, tal e como explicou entón o conxunto coruñés na súa web, comunicou aos directivos do Deportivo o día 24 de decembro "que lle colleron o móbil e publicado o post sen o seu control nin permiso”, unha versión que confirmou nas redes sociais a súa compañeira do Sárdoma Ainoa Galarza.

Á vista tanto dos argumentos da xogadora como da súa amiga, o Deportivo determinou abrirlle un expediente informativo para sancionala polo dano de imaxe causado ao club pero "en ningún caso" valorou a expulsión da xogadora que agora ampliou o seu vínculo co equipo coruñés.

Comentarios