O estaleiro vigués Vulcano presenta a súa solicitude de liquidación

Ata o momento non se fixo pública ningunha oferta para adquirir o estaleiro vigués

vulcano
photo_camera Estaleiros de Vulcano. ADP

Este luns presentouse a solicitude de liquidación do estaleiro vigués Vulcano no Xulgado do Mercantil número 3 da cidade olívica. 

Segundo confirmaron fontes sindicais e do comité de empresa coñecedoras da situación a Europa Press, a orde efectuouse este luns pola mañá, cando tivo lugar unha reunión da xunta de accionistas. 

Ata o momento non se fixo pública ningunha oferta para adquirir o estaleiro vigués, aínda que varias fontes apuntaron á posibilidade de que exista algún investidor interesado. 

Os sindicatos trasladaran con anterioridade que a única opción que contemplaban para que fose posible a supervivencia de Vulcano era, precisamente, a liquidación. Tamén remarcaran que a súa prioridade pasaba polo mantemento da unidade produtiva e os postos de traballo. 

A semana pasada, Vulcano fixo entrega da 'Vila de Teror' a Transmediterránea tras varios atrasos da data, que, en principio, fora fixada para finais de maio. Deste xeito, o ferri foi trasladado a Andalucía para cubrir unha ruta entre Motril (Almería) e Nador (Marrocos). 

Esta demora sumouse á acumulada durante a detención da construción do buque, que tivo lugar entre finais de 2018 e principios de 2019. Con todo, un acordo alcanzado na Xunta nunha reunión á que asistiron representantes do comité de empresa, sindicatos, o estaleiro, Pymar, Xesgalicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) permitiu retomar os traballos a finais de marzo.