A fragata Méndez Núñez, rumbo ao golfo Pérsico cun portaavións estadounidense

A ministra de Defensa recorda o "compromiso" de España coa UE e os organismos internacionais ante a postura de Irá

La fragata Méndez Núñez. DP
photo_camera A fragata Méndez Núñez. DP

A fragata Méndez Núñez (104) puxo rumbo ao golfo Pérsico co Grupo de Combate número 12 da Armada de Estados Unidos, como escolta do portaavións Abraham Lincoln, que recibiu a orde de dirixirse a Oriente Medio como resposta á ameaza de Irán de volver ao programa nuclear se Estados Unidos mantén as sancións impostas á República Islámica.

Ante o anuncio de Irán, a ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, recordou que "o compromiso de España é coa Unión Europea e os organismos internacionais". "Aí é onde imos adoptar sempre as posicións comúns", aseverou, expondo que os días 13 e 14 de maio representará a España nunha reunión prevista entre os ministros de Defensa e a UE. Robles fixo estas declaracións durante a súa visita á base aérea de Morón de la Frontera, cuxo uso comparten España e Estados Unidos.

PREOCUPACIÓN DOS FAMILIARES. A fragata Méndez Núñez partiu o pasado 11 de abril de Ferrol para incorporarse ao grupo de escoltas do portaavións estadounidense. As familias dos 215 membros da tripulación non ocultan a súa preocupación polo cariz que a partir de agora toma a misión da Méndez Núñez en plena escalada de tensión entre Estados Unidos e Irán.

A F-104, que este ano participou nun exercicio de integración coas unidades do grupo de combate en Estados Unidos, incorporouse ao grupo de escoltas do Abraham Lincoln para dar a volta ao mundo nos próximos seis meses e navegar polo mar Mediterráneo, mar Vermello, golfo Pérsico, Océano índico, mar da China e Pacífico.

A fragata Méndez Núñez é un dos buques máis modernos da Armada española e ao mando da mesma está o capitán de fragata Antonio González-Tanago de la Lastra.

Comentarios