Os hoteis poderán aloxar vítimas de violencia machista no estado de alarma

O Goberno habilita esta opción para os casos nos que os servizos de acollida non teñan dispoñibilidade
Cartel de repulsa contra a violencia machista. AEP
photo_camera Cartel de repulsa contra a violencia machista. AEP

O Consello de Ministros aprobou este martes un real decreto que inclúe medidas para garantir a protección e asistencia ás vítimas da violencia machista. Entre outras cousas, permite a utilización de hoteis e aloxamentos turísticos como "alternativa habitacional segura" para vítimas deste tipo de violencia se os servizos de acollida non teñen dispoñibilidade.

As medidas nesta materia, impulsadas desde o Ministerio de Igualdade, adóptanse no contexto da crise sanitaria ocasionada polo novo coronavirus e mentres está en vigor o estado de alarma. As mulleres vítimas de violencia de xénero "son un colectivo especialmente vulnerable en situacións de illamento domiciliario, por verse forzadas a convivir co seu agresor, o que as sitúa nunha situación de maior risco", segundo sinalan fontes do Goberno.

Coa aprobación do real decreto, tamén se garanten como servizos esenciais os de atención a vítimas de explotación sexual e trata. Tamén os centros de urxencia, acollida, pisos tutelados, e outros recursos destinados a estas vítimas de violencia machista, ás que se garante "alternativa habitacional segura" a través de aloxamentos turísticos.

O Goberno garante o normal funcionamento do sistema de seguimento que asegura o cumprimento das medidas cautelares

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, asegurou que o Executivo "vai seguir protexendo" as mulleres e a poñer recursos á súa disposición.

Doutra banda, co decreto tamén se garante o normal funcionamento e prestación do sistema de seguimento por medios telemáticos do cumprimento das medidas cautelares e penas de prohibición de aproximación en materia de violencia de xénero.

Ademais, segundo sinalou o vicepresidente Pablo Iglesias, habilitouse un mecanismo para que concellos e comunidades autónomas poidan destinar a execución dos fondos do Pacto de Estado para a violencia de xénero para poñer en marcha todas as medidas a violencia de xénero específicas para esta crise.

Teléfonos, aplicacións e WhatsApp
Este real decreto súmase ao plan de continxencia para responder ao confinamento que xa puxo en marcha o Executivo co obxectivo de reforzar e garantir a atención e protección das vítimas de violencia machista, no que se garantía o pleno funcionamento do teléfono 016 e outros servizos esenciais e impulsábase a atención psicolóxica vía Whatsapp.

Números
O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo [email protected].

As vítimas de malos tratos tamén poden acceder a un servizo psicolóxico inmediato que se presta vía mensaxería instantánea (WhatsApp) a través dos teléfonos 682916136 e 682508507.

Alertas
Se unha muller se atopa nunha situación de urxencia debe chamar ao 112, ao 091 (Policía Nacional) ou ao 062 (Garda Civil) e, no caso de non poder realizar unha chamada, pode usar a aplicación Alertcops, que envía unha alerta coa súa localización ás forzas de seguridade.

Ademais, neste enlace pódense localizar actualizados os servizos activos en cada comunidade autónoma durante o estado de alarma, despois de que se declararon esenciais: http://www.violenciagenero.igualdad.gob.es/informacionUtil/recursos/ estadoAlarma/home.htm

Comentarios