Un municipio de Murcia retrocede á fase 1 polo aumento de contaxios

Totana rexistra o brote activo máis importante da comunidade autónoma cun total de 55 contaxiados
TOTANA
photo_camera Totana volve á fase 1 e prohíbese a entrada e saída do municipio. EFE

O municipio de Totana volverá a fase 1 da desescalada tras o importante número de casos positivos por coronavirus que se rexistraron nas últimas horas derivados da asistencia a locais de lecer nocturno, cun total de 55 contaxiados

Así o anunciou este xoves o conselleiro de Saúde, Manuel Villegas, tras a reunión extraordinaria da comisión de seguimento post-covid e do Consello de Goberno, que fixo un especial chamamento á comunidade latinoamericana fincada na rexión, que aglutina o 60 por cento dos contagios por coronavirus. 

Dese xeito, quedará prohibida a entrada e saída do municipio de Totana, duns 30.000 habitantes, péchanse os seus centros de día e restrínxense as visitas ás residencias, á vez que se pecharán os seus centros de saúde, excepto para a atención relacionada coa pandemia. 

Segundo detallou Villegas, está previsto asinar esta mesma tarde a orde pola que se establecerán todas estas restricións, que, basicamente, teñen como finalidade que os cidadáns non salgan das súas casas salvo para facer xestións imprescindibles como a compra ou ir traballar, que non se organicen reunións con familiares e amigos e se eviten aglomeracións e estancias en lugares pechados, pois é a principal vía de propagación do virus. 

Restrinxiranse os aforamentos dos establecementos ao 50 por cento (fronte ao 75 por cento actual) e só se permitirá a apertura das terrazas de bares e restaurantes, non as zonas interiores, entre outras medidas. 

No municipio rexístrase actualmente o brote activo máis importante da comunidade autónoma, con 55 casos, todos eles relacionados cun local de lecer nocturno, e é previsible que esa cifra aumente nos próximos días porque, explicou o conselleiro, unhas 300 persoas que pasaron polo establecemento sometéronse a PCR. 

A principal preocupación agora é que parte desas persoas, que non teñen síntomas, estean facendo vida normal nos últimos días e contaxiado a outros veciños do municipio, motivo polo que se decidiu o citado retroceso á fase 1. 

Totana xa foi o único municipio da comunidade autónoma que atrasou o seu paso á fase 2 da desescalada por outro brote, de moita menor envergadura, xerado entre traballadores do campo. 
No caso do brote vinculado a locais de copas da zona de Las Atalayas, en Murcia, os contaxiados ascenden a 51, pero -segundo Villegas- trátase dun brote "en fase descendente" que "está relativamente contido" e a previsión é que evolucione favorablemente nos próximos días, polo que non se contempla polo momento un retroceso similar ao de Totana na capital. 

Hai ademais outro brote activo na cidade de Murcia con cinco casos, e un máis con tres contaxiados que chegaron en patera á rexión e está a piques de pechase. O conselleiro subliñou que durante o mes de xullo os casos creceron exponencialmente na comunidade autónoma, con 32 contagios na primeira semana do mes, 62 na segunda e 193 na semana actual.

Comentarios