Rajoy reunirase con Sánchez e Rivera, que reclama aplicar xa o artigo 155

Ciudadanos considera que a aplicación do artigo podería terse prorrogado tras a constitución dun novo Goberno en Cataluña 

Mariano Rajoy. EFE
photo_camera Mariano Rajoy. EFE

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o líder de Ciudadnos, Albert Rivera, reuniranse na Moncloa o vindeiro xoves ás 9.30 horas para tratar a situación en Cataluña, tras a investidura do novo presidente da Generalitat, Quim Torra. 

Este encontro será posterior ao que Rajoy manterá co secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ao que citou para este martes. Segundo a formación laranxa, Moncloa explicoulles que o xefe do Executivo non pode verse con Rivera ata o xoves porque ten previsto unha viaxe a Bulgaria, onde ten actos programados para o martes e o mércores. 

Pouco antes de que se coñecese o futuro encontro entre Rajoy e Rivera, o secretario xeral de Cs, José Manuel Villegas, insistiu ao Goberno na necesidade de volver aprobar no Senado a aplicación do artigo 155 da Constitución en Cataluña porque o programa de goberno do futuro presidente da Generalitat, Quim Torra, "prevé unha serie de ilegalidades"

Ademais, engadiu que en C's estaban a disposición do xefe do Executivo para que os convocase a unha reunión. "Non temos que esperar a que se proclame por segunda vez a República catalá", subliñou Villegas en rolda de prensa tras a reunión da Executiva permanente de C's, onde existe preocupación ante un presidente catalán "se cabe máis extremista, sectario e xenófobo" que o seu predecesor Carles Puigdemont. 

Tras lamentar que o Executivo de Mariano Rajoy non recorra ante o Tribunal Constitucional o voto delegado de Puigdemont e de Toni Comín no Parlament, o cal impediría a votación de investidura de Torra, o dirixente de C's pediu a Rajoy que rectifique e "estenda o 155". 

Na súa opinión, a aplicación desta medida podería terse prorrogado tras a constitución dun novo Goberno en Cataluña se se cambiara o momento final" do a súa aplicación, condicionando a súa desactivación á formación dun Executivo "que obedecese as leis democráticas e a Constitución". Como iso non se fixo, "outra fórmula é aprobar un novo 155", engadiu.

CONTRA OS INTERESES DE ESPAÑA. Segundo indicou, a Carta Magna establece que dita medida está xustificada se hai unha "desobediencia ás normas" ou se actúa en contra dos intereses de España", algo que cre que se viu no discurso de investidura de Torra, que prometeu implementar a República catalá e recuperar as leis de desconexión que o Parlament aprobou o 6 e o 7 de setembro. 

"É que é un programa de goberno de ilegalidades", concluíu, insistindo en que o 155 "poderíase aplicar desde xa" e advertindo de que o proxecto do novo president "só leva á ruptura da convivencia en Cataluña e á ruína económica". 

En calquera caso, Villegas considera que o importante non é como se estenda o 155, senón que "os constitucionalistas e os demócratas" estean de acordo en facelo, porque non se pode "deixar Cataluña en mans dos separatistas outra vez".

Neste sentido, pediu a Rajoy que "non dea as costas" aos cataláns non independentistas e non conceda "o beneficio da dúbida" a Quim Torra, xa que el e quen o votaron como presidente "son os mesmos que fixeron a declaración unilateral de independencia". 

"Non se pode deixar outra vez en mans dos separatistas" o Goberno da Generalitat e o orzamento, porque iso suporía dar a quen "quere saltarse a lei o mando dos Mossos d'Esquadra, unha forza con 17.000 persoas, e os medios de comunicación para que os utilicen en favor da ruptura", recalcou. 

Igualmente, instou ao PSOE a abandonar "as súas dúbidas e os seus titubeos" e apoiar a ampliación do artigo 155 "para defender a democracia española". Segundo Villegas, o candidato á Presidencia da Generalitat "pode defender a idea que queira" pero debe facelo sempre "no marco da Constitución e do Estatut". 

Doutra banda, o secretario xeral de C's defendeu que, se se activa de novo o 155, esta vez debe afectar tamén aos medios de comunicación públicos cataláns, a pesar de que no acordo de outubro excluíronse "porque o PSOE o esixiu". 

Naquel momento Rajoy convocou eleccións autonómicas en Cataluña, así que "a Xunta Electoral controlaba TV3" temporalmente, pero "hoxe non hai ningunha escusa para non incluír aos medios de comunicación públicos", afirmou.

Comentarios