martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Tráfico acelera na reforma para rebaixar a 30 km/h a velocidade límite nas cidades

Zona 30 en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Zona 30 en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

En urbes galegas como Pontevedra xa se implementou a media hai anos

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, dixo este luns que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) está a traballar xa na reforma do Regulamento Xeral e Circulación para establecer as condicións nas que debe aplicarse o límite de velocidade de 30 km/h en todas as cidades. En Lugo xa hai varios exemplos, en rúas como a Rolda da Muralla, Rodríguez Mourelo ou Ramón Ferreiro.

Ademais, o ministro anunciou que no primeiro semestre do próximo ano estarán listos os plans de medidas para reducir a sinistralidade viaria en ciclistas e motoristas, dúas dos colectivos máis vulnerables xunto cos peóns.

Grande-Marlaska pronunciou o discurso inaugural da conferencia internacional Da visión cero ao obxectivo cero? Liderado na mellora da seguridade viaria que, organizada pola Fundación Mapfre reúne este luns no Congreso a expertos en seguridade viaria de España e de diferentes países, así como da Comisión Europea.

O titular de Interior recordou que o Goberno traballa na posta en marcha de diversas medidas porque a evolución recente do número de vítimas nas estradas, tanto en España como noutros países, "non foi a que nos gustou".

"Temos que actuar", salientou Marlaska, que no entanto quixo pór de relevo a "revolución" que se fixo en España en materia de seguridade viaria, aínda que se produciu un estancamento nos últimos catro anos.

Límite a 90 km/hora nas estradas?
Entre as medidas que porá en marcha a DXT, o ministro quixo comezar polas relacionadas coa velocidade e recordou que 14 países europeos teñen un límite xenérico de 90 quilómetros por hora, oito de 80 km/h e un, Suecia, de 70 km/h.

Precisamente, España é un dos poucos que ten un límite de 100 km/h, unha situación que se "corrixirá" durante os próximos meses coa modificación do Regulamento Xeral de Circulación, unha medida que, segundo dixo, terá un "impacto importante" na seguridade.

Respecto da velocidade nas cidades, a DXT, dixo o ministro, está a redactar a modificación do Regulamento Xeral de Circulación para establecer as condicións nas que o límite de 30 km/h deberá aplicarse en todos os municipios españois.

Pero Marlaska deixou claro que non se trata dunha iniciativa unilateral do Ministerio nin de impor "un determinado modelo de mobilidade", senón que foron as propias cidades, como Madrid, Bilbao, Zaragoza, Málaga ou Valencia, ademais de diferentes asociacións e colectivos, dirixíronse a Interior para pedilo.

"Isto demostra -salientou- que existe un amplo consenso sobre a necesidade de protexer aos usuarios máis vulnerables das nosas rúas", fundamentalmente os peóns.

Tráfico acelera na reforma para rebaixar a 30 km/h a velocidade...
Comentarios