Acepta cinco anos e oito meses de prisión por intento de asasinato á súa muller

Convivía na mesma residencia que a súa muller, aínda que xa non existía relación entre eles

Un home acusado dun delito de asasinato en grao de tentativa cometido contra a súa muller -coa que convivía pero coa que xa non existía relación- aceptou este martes unha pena de cinco anos e oito meses de prisión tras un acordo entre as partes. O xuízo celebrouse na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña.

Os feitos ocorreron o 12 de febreiro de 2017 cando o acusado, cun coitelo de cociña de 26 centímetros, asestou por detrás e por sorpresa varias puñadas á súa muller que cosía nunha habitación da vivenda na que ambos residían "a pesar de facer vida independente cada un, ao estar rota a relación entre eles", tal e como se constata no escrito da Fiscalía.

O intento de asasinato produciuse na vivenda que os dous compartían no barrio coruñés de O Castrillón No xuízo, a Fiscalía rebaixou a súa petición de 13 anos de prisión, a unha pena de 5 anos e 8 meses, tras o ingreso de 6.500 euros realizado polo acusado á vítima, en concepto de indemnización por danos morais, unha cantidade solicitada pola acusación pública.

Deste xeito, o Ministerio Fiscal, acusación particular e defensa mostráronse de acordo nesta modificación mentres que o acusado, actualmente en prisión preventiva desde hai un ano e un mes, non alegou nada na súa defensa e recoñeceu os feitos. Ademais, a Fiscalía tamén rebaixou a 10 o número de anos que solicitaba para que o acusado non puidese achegarse á vítima a menos de 300 metros. Nun principio demandaba unha orde de afastamento de 15 anos.