Caballero confirma sen pór data que quere liderar o grupo parlamentario

O líder do PSdeG destaca no Comité Nacional que a Galicia lle vai "mellor" con Pedro Sánchez

Gonzalo Caballero en el Comité Nacional del PSdeG.  PEPE FERRÍN
photo_camera Gonzalo Caballero en el Comité Nacional del PSdeG. PEPE FERRÍN

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou este sábado ao Comité Nacional da formación a súa intención de presidir o grupo parlamentario socialista pero non fixou unha data para asumir un escano na Cámara galega. 

"Sei que no último Comité Nacional houbo moitas voces que me expuxeron asumir responsabilidades institucionais", recoñeceu Gonzalo Caballero, que destacou que, "cando a organización decida que tome esas responsabilidades", farao. "Fareino para estar no grupo parlamentario socialista, para presidir o grupo e exemplificar no Parlamento de Galicia que hai unha alternativa clara a Feijóo", manifestou ante os militantes asistentes. 

Gonzalo Caballero pronunciouse deste xeito ao termo do seu discurso durante a reunión do máximo órgano do PSdeG entre congresos, cita na que se puxo a disposición de todos os militantes para traballar en 2019, un ano no que afrontarán os comicios locais e europeos. Ademais, fixo balance do traballo realizado no seu primeiro ano á fronte da formación en Galicia. 

"Sigo a disposición de todas e de todos para traballar en 2019, lévoo facendo coa mellor vontade, cos acordos e as debilidades que poidan existir en 2018", sinalou o xefe de filas do PSdeG, que destacou que percorre "Galicia todos os días" compatibilizando o seu labor político co seu traballo académico na Universidade de Vigo. 

"O PSOE debe liderar o cambio fronte á agonía da dereita"
Gonzalo Caballero chamou este sábado á militancia socialista a "liderar" o cambio que free a "agonía" que supón a "estabilidade" da dereita para Galicia. 

Caballero fixo balance da súa xestión ao longo de 2018 e marcou os retos do PSdeG para o próximo exercicio durante a reunión do Comité Nacional que os socialistas celebraron en Santiago de Compostela, o terceiro que celebran este ano. 

Na súa intervención ante máis dun centenar de socialistas, fixou a Galicia como "a folla de ruta" do PSdeG, un partido que ten como "meta" traballar para dar á comunidade galega "o cambio que necesita". 

"É por iso que temos que liderar o dinamismo e a forza de cambio" que existe na sociedade galega, "que está farta do control político asfixiante do PP", trasladou Gonzalo Caballero a un público entre o que houbo ausencias como as dos secretarios provinciais da Coruña, Valentín González Formoso; Pontevedra, David Regades; e Lugo, Álvaro Santos. 

Ademais, destacou que a Galicia lle vai mellor" co Goberno de Pedro Sánchez, como mostra a contratación das fragatas ou o debate sobre a AP-9 

Comentarios