Centos de persoas piden a liberdade dos presos desde as cidades galegas

A concentración máis numerosa de Galicia celebrouse en Santiago, onde unhas 400 persoas mostraron a súa solidariedade cos condenados polo proceso soberanista catalán
Concentración en Compostela. TWITTER
Concentración en Compostela. TWITTER

Centenares de persoas secundaron este luns as protestas convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya en varias localidades galegas tras a sentenza do proceso independentista catalán. 

As concentracións tiveron lugar a partir das 20.00 horas nas sete cidades galegas, así como noutros puntos como Burela, Monforte e Redondela. Unhas protestas que coincidiron coas mobilizacións convocadas polo por Tsunami Democràtic como resposta ao fallo xudicial. 

A concentración máis numerosa de Galicia celebrouse en Santiago, onde unhas 400 persoas mostraron a súa solidariedade cos condenados polo proceso soberanista catalán. 

Os participantes, que portaron bandeiras independentistas galegas e catalás, esixiron a liberdade dos "presos políticos" antes de que se dese lectura a un manifesto no que cualificaban de "farsa" o xuízo e aseguraban que a sentenza "estaba escrita desde hai meses". 

A esta protesta, na que participaron personalidades da cultura como o escritor Suso de Toro, acudiron distintos cargos do BNG, como as deputadas autonómicas Olalla Rodil e Montse Prado. Tamén participou o portavoz de Anova, Antón Sánchez, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto.

Comentarios