Falece o exdeputado Rodríguez Pardo, cofundador do PSdeG

O avogado e político coruñés contaba 81 anos de idade

Rodríguez Pardo. EP
photo_camera Rodríguez Pardo. EP

O avogado e político socialista coruñés Xosé Luis Rodríguez Pardo, cofundador e un dos primeiros secretarios do PSdeG, faleceu o martes á idade de 81 anos. Nacera en decembro de 1936 na Coruña e estaba moi vencellado a Oza e Carballo.

Gran referente da liña galeguista do PSOE, os seus restos están sendo velados no tanatorio de Albia, en A Grela (A Coruña), onde os seus achegados están a recibir moitas mostras de condolencia.

Este ex deputado nacional e autonómico recibiu hai só dous anos unha homenaxe dos seus compañeiros da Coruña en recoñecemento á súa exemplar traxectoria política, que o levou a loitar contra a ditadura e a defender a consolidación da democracia na Transición.
 
Rodríguez Pardo foi un dos encargados de elaborar o chamado Estatuto de Autonomía dos 16. Tras pasar polo Hórreo entre 1989 e 1993, presidiu ata 1998 o Consello Xeral da Emigración, dependente do Ministerio de Traballo.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, exerceu como avogado e foi un dos primeiros profesores de Galego.

Comentarios