Feijóo: "Prefiro parecerme a Gallardón e non a Gonzalo Caballero" 

O candidato socialista afirmou que o presidente da Xunta é "un Gallardón" que trata de aparentar "ser de centro"
Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que el prefire "parecerse" ao exministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón que ao candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero.

Así se pronunciou, ao termo do Consello da Xunta, tras ser preguntado polas declaracións de Caballero quen lle acusou de ser "un Gallardón" que trata de aparentar "ser de centro".

"Entre Gallardón e Gonzalo Caballero comprenderá que hai unha distancia sideral. E eu prefiro parecerme a Gallardón e non a Caballero. Hai unha diferenza notable, notoria e contrastada", sentenciou, antes de remarcar que "non é a primeira vez" que o socialista fai unha afirmación deste tipo.

"Pensei que podía haber algunha noticia. Dio con frecuencia", apostilou, antes de concluír: "Parézome a Gallardón en bastantes cousas, empezando polo nome. Despois cada un ten os seus propios apelidos e a súa propia orixe".

"EXAME DE HISTORIA"

Por outra banda, por mor dunha afirmación realizada nun almorzo de precampaña organizado polo seu partido en Santiago na pasada xornada, cando Feijóo referiuse a España como "a segunda nación máis antiga do mundo", foi preguntado tras o Consello acerca de cal considera que é a primeira.

O presidente da Xunta chanceou con que non se imaxinaba que na habitual rolda de prensa dos xoves íaselle a expor "un exame de Historia".

"A nación máis antiga é Francia, e despois España. Tamén hai comentarios de que a segunda é Francia e a primeira España. Polo si ou polo non non merecemos o ouro, quedo coa prata. Supoño que vostede sabía a resposta, non se se pretendía comprobar se o alumno sabíaa ou non", resolveu. 

Comentarios