martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Galicia sae a rúa este 25-N contra a violencia machista

Miles de persoas recorreron as rúas de Santiago este 25-N. XOÁN REY
Miles de persoas recorreron as rúas de Santiago este 25-N. XOÁN REY

Toda a xeografía galega berra contra o machismo

Miles de persoas saíron á rúa este domingo en numerosas concentracións e protestas celebradas en distintas localidades de Galicia con motivo do Día Internacional da Violencia contra a Muller, nas que lembraron que nos últimos 15 anos foron 57 as galegas asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas.

En Santiago, na Praza 8 de Marzo, iniciouse ás 12,00 horas unha manifestación convocada polo Movemento Feminista Compostela, á que se sumaron ao redor de dous mil persoas, ademais de representantes dos sindicatos CIG, UXT e CC.OO, e de partidos políticos como o BNG. 

'Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pe!', foi un dos cánticos acompañados por tambores que máis repetiron os manifestantes coa finalidade de condenar a violencia machista e ao mesmo tempo transmitir unha mensaxe de forza por parte do movemento feminista. 

Concepción Arenal ou Rosalía de Castro foron reivindicadas e tamén houbo alusións a recentes polémicas como da Manada ou as do profesor Luciano Méndez

Entre os carteis, moitos deles negros e violetas, puidéronse ler numerosas mensaxes en apoio ás vítimas da violencia machista, como Polas que están, as que non están e as que perigamos!'.

A portavoz da Plataforma Feminista Galega, Pilar Estévez, ao comezo da manifestación, lembrou que hai anos o 25N "non estaba nin nas axendas" e que é necesario "pór a vista no agresor e nas persoas que exercen a violencia machista contra as mulleres".

57 MULLERES ASASINADAS. A manifestación finalizou ao redor das 13.30 horas coa lectura do manifesto na Praza de Praterías. Nel, lembrouse que nos últimos 15 anos foron asasinadas en Galicia até 57 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas.

"As mulleres temos dereito a unha mobilidade segura e a poder camiñar en liberdade", esixiuse durante a protesta nun texto con referencias a históricas galegas como Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, pero tamén a recentes polémicas como a xerada pola sentenza da Manada ou as afirmacións do profesor universitario Luciano Méndez. 

RUTA DA XUNTA. No eido oficial, unhas 200 persoas percorreron o último tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Pedroso até a Praza do Obradoiro, na VI edición da ruta Camiño ao respecto, organizada pola Xunta para mostrar a súa "absoluta repulsa" á violencia machista e reivindicar que Galicia "non ten nada que ver" con esta "lacra social". 

Feijóo: "Estamos avergoñados doutros galegos hmes que utilizan a senrazón para asasinar"

Así o explicou, en declaracións aos medios, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da camiñada na que tamén participaron o vicepresidente, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; así como varios conselleiros e altos cargos da Xunta. 

Neste contexto, Feijóo agradeceu que "tanta xente" acudise "desde distintos puntos" da comunidade para, durante o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mostrarse "avergoñados doutros galegos homes que utilizan a senrazón para asasinar e menosprezar ás súas parellas, as súas mulleres ou as súas compañeiras". 

Feijóo e Pontón protagonizan o enfrontamento político
Tras a marcha, o presidente da Xunta asegurou que Galicia "non necesita máis pactos" contra a violencia de xénero, senón "cumprir" o Pacto de Estado aprobado no Congreso fai máis dun ano e no que a Comunidade galega xa "participou", tal e como reafirmou o mandatario. 

Así respondeu Feijóo, a preguntas dos medios tras participar nunha camiñada contra a violencia machista organizada polo Goberno galego, ao ser preguntado sobre a disposición mostrada polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para alcanzar co PPdeG un acordo autonómico nesta materia. 

Ademais, Feijóo rexeitou as disputas protagonizadas esta semana por deputados do PPdeG no Parlamento galego e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, despois de que a líder frontista, durante un pleno no Lexislativo, retase ao titular da Xunta a "demostrar que non forma parte dunha 'Manada'".

Precisamente a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu este domingo en que "o sistema patriarcal lexitima a violencia contra as mulleres", e reiterou que "a Manda non son cinco, hai unha manda na base do sistema patriarcal o ámbito doméstico, no social e institucional".

Durante a súa participación na manifestación convocada en Santiago de Compostela, Pontón lembrou que na última década foron asasinadas 45 mulleres en Galicia e a loita contra a violencia de xénero debe ser "unha prioridade política durante todo o ano".

Galicia sae a rúa este 25-N contra a violencia machista