El tiempo
viernes. 24.03.2023
El tiempo

As Illas Atánticas, "na final" para ser declaradas Patrimonio da Humanidade

Parque Nacional das Illas Atlánticas. ADP
Parque Nacional das Illas Atlánticas. ADP

Caballero considera que a Xunta fai "propaganda" e que non houbo "ningún avance"

A candidatura Cíes-Illas Atlánticas dá un paso "fundamental" para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. A Unesco rexistrou a proposta na lista, polo que este ben natural e paisaxístico atópase xa "na final" para lograr este obxectivo. 

Así o destacou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, en declaracións a Europa Press tras reunirse en París coa directora do Centro do Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler, "a máxima autoridade nesta materia". 

Rodríguez explicou que a directora se mostrou "moi interesada" e "sorprendida" polo "singular valor ambiental, paisaxístico, natural e xeomorfolóxico" do conxunto e considerou "unha moi boa noticia" este paso adiante "fundamental" nesta candidatura "integradora" para lograr esta declaración. 

O conselleiro do ramo incidiu na importancia de lograr este recoñecemento, tanto por achegar un valor de protección fundamental do propio ben como polo seu levar implícito un "beneficio económico e social" para a contorna "de primeira magnitude", como así pasou coa declaración no seu día do Camiño de Santiago. 

A partir de agora, avanzou, "hai que seguir traballando" expoñendo os valores "excepcionais" deste patrimonio natural e a través da divulgación social da candidatura, demostrándolle á Unesco o que os galegos e os visitantes das Illas Atlánticas "xa saben": que se trata dun territorio "único" e "tremendamente diverso" en situación de entrar a formar parte "dun club tan selecto". 

A pesar diso "falta un tempo" para lograr esta declaración definitiva, matizou, posto que a candidatura terá que permanecer na lista da Unesco un ano antes de seguir co procedemento. 

A proposta xa superara a primeira proba cando o Consello de Patrimonio Histórico Español aprobou a inclusión na lista indicativa o pasado mes de outubro, e que foi actualizada e publicada pola Unesco o 5 de febreiro "dándolle carta de natureza á candidatura".

CABALLERO TILDA O ANUNCIO DA XUNTA DE "PROPAGANDA". O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de "propaganda e publicidade" o anuncio do conselleiro de Cultura, posto que "non hai ningún avance". 

O rexedor olívico lembrou que a entrada na lista indicativa xa era coñecida, pero iso non é garantía de éxito, e lembrou exemplos doutras candidaturas, como a Ribeira Sacra ou a cidade de Ferrol, que levan 22 e 11 anos respectivamente en dita lista. "Por tanto (o anuncio da Xunta) non é nada", aseverou. Caballero incidiu en que a proposta da Xunta "pode estar 40 anos" nesa lista, e que o seu rexistro non é máis que "un trámite burocrático". 

Doutra banda, subliñou que o Concello segue adiante coa súa propia candidatura a Patrimonio da Humanidade, a de Cíes (que exclúe o resto do Parque Nacional Marítimo Terrestre) e sinalou que, cando se propoña para a lista indicativa "xa irá con todo o aval". 

A ese respecto, indicou que a proposta da Xunta "non reúne os requisitos" e non conta cos avais cos que si conta a candidatura promovida polo Concello, polo que "lla van rexeitar". Segundo engadiu Caballero, o único obxectivo da Xunta ao presentar esa candidatura era "rebentar" a de Cíes. 

As Illas Atánticas, "na final" para ser declaradas Patrimonio da...
Comentarios