María José Gómez, conselleira de Medio Rural: "Estes incendios deben concienciar á xente de que hai que ter limpo á beira das casas"

Logo de vivir "momentos moi duros" cuns lumes que tinguiron de negro 120.000 hectáreas no verán, a conselleira que leva as rendas da política de prevención e defensa contra os incendios avoga por extraer leccións. Avanza novos incentivos aos propietarios para evitar o abandono das terras.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez.NACHO SANTÁS
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez. NACHO SANTÁS

Malia que poñer o monte a producir non sexa un escudo infalible contra un lume que "non distingue entre especies", a conselleira de Medio Rural, María José Gómez (Pradedo de Abaixo, Guntín, 1976), ten claro que rendibilizalo "é bo para os propietarios e para Galicia". De feito, constata que "unha parte importante do que ardeu foi Rede Natura". De aí que o plan que o presidente Alfonso Rueda levou ao Parlamento, que pon o acento na prevención, aumente a marxe para que os propietarios rocen nestas áreas protexidas, permitindo tamén os lumes técnicos na primavera para previr males maiores no verán. A exalcaldesa de Guntín, que coñece de primeira man a realidade do agro ao ter unha granxa leiteira familiar, desbota dimitir como lle esixiu a oposición e avanza novos incentivos aos propietarios para evitar o abandono das terras.

Cal diría que foi o peor momento da vaga incendiaria de agosto?
Foi un mes ben difícil. O primeiro día especialmente difícil foi cando houbo confinar os nenos do campamento e a xente hospedada na estación de alta montaña de Manzaneda. A fin de semana do 14,15,16 e 17 foi tamén moi dura.

Non barallei dimitir. Toca traballar para mellorar a colaboración cos concellos e o servizo"

Algún día no que puideron chegar a sentirse superados?
Superados, non, porque nunca se tirou a toalla. Quero agradecerlles a tódolos que estaban no Cecopi [centro de coordinación operativa integrada] a coordinación marabillosa que houbo entre todos, aínda sendo de organizacións distintas. Houbo momentos moi duros e moi difíciles, pero sempre se loitou. Sempre con positividade e intentando saír da situación.

Como exalcaldesa, entendería a desazón que puideron sentir algúns rexedores ante o que se viviu...
Quero agradecerlles a tódolos alcaldes a maneira na que colabo raron, reaccionaron e entenderon a situación. Desde o Cecopi inten touse, en todo momento, estar ao outro lado do teléfono para atender esa demanda de medios continua e constante. Había que repartilos por tódolos puntos de Ourense. Intentouse chegar a tódolos núcleos, porque a prioridade xa non foi o monte, senón salvar vidas, o que se fixo satisfactoriamente.

Foi un mes ben difícil. Un día especialmente duro foi cando houbo que confinar os nenos da estación de Manzaneda"

Barallou dimitir como lle solicitaron dende a oposición?
Non. Barallei seguir traballando para tentar minimizar os danos que causou esta vaga de incendios e para mellorar tanto a colaboración cos concellos como o servizo. Os anuncios do presidente Rueda no Parlamento van nese sentido: seguir mellorando un dispositivo considerado dos mellores de Europa e que estivo á altura dunhas circunstancias que superaban a capacidade humana de extinción. Hai que ter en conta que en agosto tivemos 673 lumes e que o ano pasado foron 244. Multiplicouse por tres a actividade incendiaria. Eses 673 lumes non xorden da nada.

Ante as medidas que o presidente avanzou, dedúcese que non se está a cumprir debidamente a Lei de prevención e defensa contra os lumes de 2007, que fixa a obriga dos propietarios de limpar as faixas de 50 metros que circundan as aldeas. Que é o que falla?
Temos 30.000 núcleos diseminados por todo o territorio e os propietarios teñen a obriga de ter limpos os seus terreos arredor das aldeas, isto é, as faixas secundarias. Tamén temos as faixas primarias, que son as vías de comunicación, e é importante telas rozadas e limpas, o que é cuestión das administracións. Cando os particulares non realizan as tarefas, a competencia de facer cumprir é municipal, como establece a lei de 2007. Para intentar axudar aos concellos está o convenio entre a Fegamp, a consellería e Seaga. Seaga revisa esas faixas, especialmente das parroquias priorizadas, que se designan con criterios obxectivos, segundo a incidencia do lume. Trala inspección, prepara a notificación, que asina o alcalde e que, logo, Seaga remite aos que non teñen as leiras limpas. É dicir, xa hai unha colaboración en base a un convenio de máis de 12 millóns, pero o presidente anunciou que axudaremos máis aos concellos pequenos, que teñen poucos medios. Creo que estes incendios poden supor un antes e un despois en que a xente se conciencie de que hai que ter limpas as parcelas á beira das casas. Porque a herba seca e as tullas decorativas tamén arden.

Tomarán o mando en concellos de menos de 10.000 habitantes. Faltan medios, pero pode haber tamén certa relaxación a nivel municipal?
Reunirémonos coa Fegamp en breve para falar e ver en que medida podemos incrementar a colaboración cos concellos que teñen menos persoal e menos maneira de chegar aos propietarios dos terreos.

Hai que ser sensatos e intentar que os 50 metros estean limpos. Se despois se pon sobre a mesa limpar 100, xa se verá"

Hai 50 concellos que non se acolleron ao convenio. Que pasa con eles?
Pois que teñen a obriga de limpar esas faixas. A obriga é a mesma. Hai que dicir que cando Seaga fai a limpeza para aqueles propietarios que o acordan cun contrato, o desbroce desas parcelas sáelles a 420 euros por hectárea en parroquias priorizadas. É un custo moi baixo.

Xulga pertinente ampliar a faixa de 50 metros para devolvela aos 100 como establecía, de inicio, a lei do 2007 e como reclama o BNG?
Iso haberá que debatelo tamén no ámbito do convenio coa Fegamp. Pero creo que hai que empezar por cumprir o que hai, que se viu que non está cumprido. Hai que ser sensatos e razoables e intentar que eses 50 metros estean limpos. E sigo dicindo, a obriga é do propietario. Se despois se pon sobre a mesa limpar 100, xa se verá.

Incide moito en que os donos teñen que cumprir. Impuxéronse multas?
Claro. As multas establéceas quen ten a competencia, que son os concellos. No marco do anterior convenio, entre 2021 e 2024, inspeccionáronse preto de 2,34 millóns de parcelas en toda Galicia, máis de 170.000 hectáreas. Xeráronse algo máis de 590.000 notificacións e 357.000 referencias catastrais para publicar en diarios oficiais. No 2023 abríronse 117 expedientes sancionadores que sumaron 26.650 euros e no 24 foron 184 por un total de 47.426 euros.

Nalgúns casos, o problema é localizar aos propietarios...
Aí é onde Seaga, de xeito subsidiario, entra a facer a limpeza desas leiras. Cada concello ten 10 hectáreas ao ano no convenio actual para facer a execución subsidiaria nesas leiras de donos descoñecidos que non haxa modo de localizar.

Un propietario ten que coidar as súas propiedades. E, se non pode, ten que alugalas a quen as traballe, non?"

Nun rural no que moitos propietarios son persoas maiores con pensións pequenas, non é un tanto utópico descargar neles a responsabilidade de limpar esas faixas?
Un propietario ten que coidar as súas propiedades. E, se non pode, ten que alugalas a quen as traballe, non? Falamos de 50 metros arredor das aldeas, non de limpar o monte. É dicir, hai casas polas que soben as silvas e iso é un perigo moi grande. Cunha faixa limpa de 50 metros, pode acceder unha motobomba e tes maneira de defenderte. Algúns fan plantacións á beira das casas. Como alcaldesa teño mandado algunha carta e chamado a algún propietario para dicirlle: "Imos enviarche un aviso, porque tes que cortar 50 metros desa plantación". Ao que me respondeu: "Pois agradézoche que me chames, porque xa os quería cortar que ben sei que se vén o lume teño un problema". É dicir, a veces, non é por mala idea, se nón por deixadez e por non darse conta do perigo que se corre.

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no seu despacho.NACHO SANTÁS
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no seu despacho.NACHO SANTÁS

Por que permanece parada a tramitación da Lei de loita integral contra os incendios forestais?
Estase a traballar nela. Agardo que nun curto prazo de tempo poida mos levala ao Parlamento.

Reactivarase o texto como o deixou o seu predecesor, José González, ou introducirán cambios?
Estamos a traballar nas alegacións que se presentaron a ese texto. Estanse incorporando. Logo pasará polos distintos informes preceptivos e irá ao Parlamento.

Comisións Obreiras pediu un pacto forestal de amplo alcance para evitar que se repitan situacións como as vividas. Ven opcións de chegar a acordos coa oposición?
O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 levouse ao Parlamento e non houbo acordo. Era un plan que contou cun gran consenso por parte de todo o sector e, na Cámara, non chegou a ese consenso. Estamos nun momento político un pouco axitado tanto en Madrid como aquí. Encantaríame chegar a consensos, pero ese plan forestal de longo percorrido está vixente. Estou aberta a acordar pero, de momento, a oposición non fixo ningunha proposta, cando menos no Parlamento.

Poremos algún incentivo para que quen teña terras abandonadas as poña en alugueiro"

O presidente Rueda dicía no Parlamento que "o poder público non lle pode ordenar á xente onte ten que vivir". Pero algo falla para que non se free o baleirado que sofre o rural.
É unha situación que non vale tapar. É a realidade, e vémola todos. Moita xente volve para vivir no rural pero non para traballar o rural. Hai que diferenciar. Dende a consellería estamos a apostar pola substitución xeracional e por crear actividade. Por exemplo, este ano, destinamos 36 millóns para que os mozos se incorporen ás explotacións ou creen unhas novas. A través do plan Leader, inxectamos máis de 12 millóns para proxectos a desenvolver no rural. Dende 2020 rematamos 34 parcelarias, que beneficiaron a 18.000 propietarios, tralo que decretamos outras 29. Temos unha batería moi grande de medidas para que a xente quede no rural, pero é unha decisión individual e non se pode obrigar a ninguén. Tamén é certo que prácticas que antes se facían, como utilizar os toxos para as camas dos animais, xa non se fan. E tamén se botaba moito máis cereal. En cambio, Galicia é unha potencia forestal. As circunstancias cambian e hai que adaptarse aos tempos. Dende a consellería tamén apostamos por incentivar un pouco aos que teñen as propiedades abandonadas e que deben cedelas ou alugalas aos que están traballando. É dicir, teño unhas viñas e xubileime, pois alúgollas ao veciño. Se cadra, aí si que hai unha marxe de actuación.

Preparan, entón, algunha nova medida? Transcenderá no curto prazo?
Incentivaremos un pouco que haxa esa remuda. Igual que puxemos en marcha o banco de explotacións para que aqueles que pechan as poidan poñer en alugueiro e obter unha retribución, poremos algunha medida para que non queden terras agrarias abandonadas. Estamos a traballar nisto.

A fin de ano termina a moratoria que prohíbe as novas plantacións de eucaliptos. Que vai pasar?
Temos que esperar. A consellería traballa co sector para adoptar unha decisión que se anunciará en próximas datas.

Nun verán no que o lume castigou particularmente Ourense, falouse de que A Mariña non arde ao contar con montes ordenados e explotados para que sexan rendibles...
En Galicia hai moitas plantacións moi rendibles. Non só na Mariña. E son de todo tipo de especies. Se o terreo é produtivo é bo para os propietarios, para o sector e para Galicia. Sexa cal sexa a plantación. Unha parte importante do que ardeu foi Rede Natura, que é a parte máis protexida que temos. Isto dá un pouco que pensar. Todo é susceptible de arder se lle prenden lume e coas condicións climatolóxicas pertinentes. Pero está claro que un terreo produtivo é bo para os propietarios e para Galicia.

Fala da afección en terreos de Rede Natura. De aí o novo plan para permitir queimas técnicas e que se lles vaia facilitar aos donos que poidan rozar algo máis?
Trátase de poder controlar a vexetación para que non volva pasar o que pasou. Está ben protexer, pero ás veces hai determinadas medidas que, usadas na súa xusta medida e controladas por técnicos son unha forma de protexer.

O sector madeireiro pide celeridade para poder retirar a madeira queimada dos montes. Vanse axilizar as autorizacións?
Aí estamos, precisamente. Xa se autorizou que as comunidades de montes que tiñan convenio coa consellería poidan facer a venda desa madeira para que poidan sacala canto antes. De feito, xa se está marcando e as empresas xa están traballando para sacar con axilidade aquela que sexa madeirable. A que non o sexa haberá que demolela para evitar enfermidades e fungos.

Imos seguir traballando en mellorar as condicións"

Anunciaron máis avións e helicópteros e a solicitude ao Goberno central dunha base permanente da Ume en Toén. Pero, prevén ampliar o cadro de bombeiros forestais, confor mado por 3.000 efectivos, visto que os expertos din que estes lumes de sexta xeración irán a máis e que os veciños dalgunhas aldeas indicaban que tiveron que facerlles fronte ás lapas cos seus propios medios?
Agradezo a colaboración dos 7.000 efectivos de extinción de incendios que, ante unha situación dúas, puxéronse a disposición e tamén a colaboración de veciños e gandeiros, que puxeron tractores e cisternas e traballaron como traballamos sempre os galegos: desinteresadamente, intentando defender o noso. Agradézollelo profundamente. Temos un servizo dotado en medios e en condicións. Imos seguir traballando en mellorar as condicións? Por suposto que si. Imos seguir dotando de medios punteiros o servizo? Por suposto.

En que medida?
O presidente anunciou a ampliación de bases aéreas como a transfronteiriza que o ano pasado inauguramos en Verín, que de tanta utilidade foi. Dotaremos máis medios aéreos. Temos 20 da Xunta e os outros son estatais. Xa se solicitara outra unidade da Brif [brigada de reforzo en incendios forestais] e tampouco é a primeira vez que se pide esa unidade da Ume para que Galicia poida ter unha resposta máis rápida. E ampliaremos as instalacións que temos en Toén para formación. Estamos investindo moito en formar ao persoal da Xunta: 1,8 millóns para facer máis de 3.000 cursos no 25-26. Estes episodios poden supor un antes e un despois para seguir dotando de máis medios ao servizo galego de extinción.

Sindicatos e oposición reclaman estabilizar ao 100% do persoal. Dúas terceiras partes traballan todo ano. O resto terá contrato de nove meses no 2026, un máis que agora. Haberá algunha mellora máis?
Todos eses acordos de mellora trátanse na xunta de persoal e sempre de acordo cos sindicatos. Seguiremos a traballar e a dialogar con eles. En Galicia, o persoal é da Xunta, non está externalizado nin hai contratos precarios. E as baixas inténtanse cubrir coa maior celeridade posible dentro do que establece a lei. Galicia é un exemplo de estabilidade do persoal do servizo de incendios.

Comentarios