Marisa López: "Precisamos sangue, pero o confinamento complica doar"

Marisa López dirixe a Axencia Galega de Doazón e Sangue (Ados), cun dobre papel nesta crise: coller sangue porque se precisa a diario en hospitais e coordinar a doazón de plasma de pacientes curados para usar como tratamento
Marisa López García.
photo_camera Marisa López García.

Podemos os galegos seguir doando sangue nestas circunstancias?

No só se pode senón que se debe. Hai moitos enfermos que seguen precisando transfusións dos distintos compoñentes sanguíneos como os doentes oncolóxicos, que necesitan plaquetas. Os cidadáns deben saber que doar sangue é compatible co confinamento.

O procedemento para facelo é o habitual ou mudou?

A doazón segue aberta en unidades móbiles e nos locais de Ados, pero habilitamos un sistema de cita previa a través do teléfono 900.100.828. Despois enviamos unha mensaxe de SMS no teléfono móbil coa data, lugar e hora onde doar e, tras a doazón, mandamos un xustificante de tela realizado. Ademais, extremáronse as medidas de seguridade e hixiene en locais de doazón e unidades móbiles para doantes e profesionais.

Hai risco de que un paciente asintomático con coronavirus doe ou hai algún tipo de control previo?

Evidentemente se temos calquera sintomatoloxía ou sospeita de padecer xa non só Covid-19 senón calquera enfermidade que poida impedir a doazón non se debe acudir a doar. Falamos de persoas con enfermidades como a gripe ou que requiren un tratamento antibiótico, por exemplo. En calquera caso, previo a cada doazón, faise a cada doante unha entrevista confidencial e unhas sinxelas probas médicas para verificar que ten un bo estado de saúde e pode colaborar.

Mantén a axencia todo o seu persoal e unidades móbiles?

Temos reorganizado todo o servizo de doazón e os desprazamentos das sete unidades móbiles que mantemos operativas a diario, así como os locais das cidades. Téñense establecidos servizos mínimos en distintas unidades de Ados e quendas rotatorias, así como persoal de retén se é necesario.

Están botando unha man os seus profesionais nos labores sanitarios contra a pandemia?

Os nosos profesionais teñen que continuar prestando servizo en Ados, xa que temos que garantir que todas as persoas que precisan unha doazón de sangue a reciban, aínda que nestas circunstancias acadar un número de doazóns axeitado resulta complicado polo confinamento domiciliario. Os profesionais de Ados efectúan un labor imprescindible porque non podemos esquecer que existen patoloxías que precisan do tratamento de compoñentes sanguíneos.

As patoloxías derivadas do coronavirus non adoitan precisar sangue ao non requerir operacións. Ao mesmo tempo, a actividade cirúrxica en Galicia reduciuse para poder facer fronte á pandemia. E a iso engádese que apenas se producen accidentes de tráfico nin laborais. Precísase menos sangue?

Ados adaptou o seu labor en función das necesidades asistenciais actuais. O compoñente sanguíneo de maior consumo na rutina dos hospitais galegos son as plaquetas e a demanda non diminúe en ningunha época do ano nin tampouco na situación actual, xa que é un compoñente vital no tratamento de enfermos oncolóxicos. Por iso debemos garantir o subministro axeitado. Ademais, aínda que é certo que a actividade derivada dos accidentes de tráfico ten experimentado un descenso, seguen existindo intervencións de urxencia que requiren transfusións.

Dise que o sangue ten caducidade duns 40 días. Corremos o risco de perder parte das doazóns nesta época? Recomenda agardar a pasar o peor desta crise?

Os glóbulos vermellos son os que teñen esa caducidade, pero as plaquetas, sobre as que tanto insistimos, teñen unha vida moi curta: só sete días. Ese é o motivo polo que precisamos obter un número constante de doazóns todos os días e a razón pola que Ados non para en ningunha época do ano ninbaixo ningunha circunstancia.

Hai algún grupo sanguíneo concreto coas reservas máis baixas?

Agora mesmo non precisamos ningún grupo concreto, polo que todas as doazóns son precisas.

Unha liña de investigación para combater o coronavirus é o uso de plasma de pacientes xa recuperados. Galicia está dando os primeiros pasos... Que papel xoga Ados?

A axencia é a responsable de coordinar os procesos de obtención de plasma de doantes convalecentes de Covid-19, velando polo cumprimento dos estándares de calidade e da lexislación de aplicación.

Estase pedindo a pacientes recuperados, ao darlles a alta, que doen?

Calquera persoa que teña unha enfermidade, tanto Covid-19 como calquera outro proceso, debe agardar un periodo de exclusión determinado para poder doar sangue, xa que non podemos esquecer que cando doamos temos que ser responsables e pensar que só podemos contribuír á recuperación dun enfermo se estamos nós ben.

É sinxelo doar plasma?

A plasmaférese é un proceso de doazón selectiva de compoñentes sanguíneos que en Galicia se desenvolve desde 1993. Faise cun separador celular e dura entre media hora e unha hora. Este é o tipo de doazón mediante aférese que desenvolve Ados, pero no caso do ensaio clínico do coronavirus os requisitos son distintos xa que o obxectivo último do proceso, que aínda non comezou [está na fase de identificación de potenciais pacientes], non é o mesmo.

É optimista sobre o fin da crise?

Non coido que se trate tanto de ser optimista como de apelar á solidariedade e á sensatez da cidadanía no senso de respectar as normas.

Comentarios