Morre un condutor no Irixo tras chocar contra unha casa

O accidente ocorreu no lugar de Guimarás ao redor das 11.15 horas

O vehículo saíuse da vía e chocou contra unha vivenda no Irixo. TVG
photo_camera O vehículo saíuse da vía e chocou contra unha vivenda no Irixo. TVG

Unha persoa faleceu este luns no Irixo ao saírse da vía e impactar o vehículo no que viaxaba contra o muro dunha casa, segundo informa o 112. 

O accidente ocorreu no lugar de Guimarás, na estrada que une O Carballiño co Irixo, ao redor das 11.15 horas. Un particular contactou co 112 para alertar do sinistro. 

Foi requirida a intervención do 061, que mobilizou ata o punto ao helicóptero medicalizado con base en Ourense. O 112 pasou aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Carballiño que, unha vez no lugar, descartaron a excarceración, xa que a vítima estaba accesible. 

Pola súa banda, os efectivos sanitarios só puideron confirmar o falecemento.

FERIDO EN REDONDELA. Por outra banda, en Redondela, outra persoa resultou ferida ao quedar durmida mentres conducía e chocar o seu coche contra a mediana da N-552, no punto quilométrico 1,200 en sentido a Vigo. 

Foi o propio accidentado quen alertou dos feitos ao 112, que puxeron os feitos en coñecemento do 061, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil.