Paulo Carlos López: "Sumar é necesario en Galicia para ter un goberno alternativo ao PP"

Sumar Galicia rematou o seu proceso constituínte coa proclamación da executiva, presidida por Verónica Martínez Barbero. Tras non obter escanos nas autonómicas, encara o reto de avanzar na implantación territorial para buscar o seu espazo cara as próximas citas electorais
O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López (Bergondo, 1985). NACHO SANTÁS
O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López (Bergondo, 1985). NACHO SANTÁS

O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, fixa como obxectivos inmediatos da organización aumentar a súa presenza no territorio galego, en especial nas provincias de Lugo e Ourense, á vez que desenvolven unha actividade política que lles permita presentarse como opción "útil" desde a esquerda alternativa para que, nos próximos procesos electorais, o voto progresista propicie un cambio de signo na política da comunidade.

Rematado o proceso constituínte, cara a onde mira agora Sumar Galicia?
Temos órganos de dirección estables, que funcionan; temos presenza en dez comarcas e estamos a levar a cabo un traballo político sostido. Agora mesmo estamos no medio dunha campaña sobre vivenda, o que mostra unha fortaleza organizativa que este espazo necesitaba, con capacidade de iniciativa política. Creo que a situación en xeral é moi positiva. O obxectivo que temos a curto prazo, a nivel organizativo, é ter presenza en máis comarcas. Necesitamos reforzala especialmente en Lugo e Ourense, porque Galicia ou camiña nas catro provincias ou non camiña. E a nivel político, temos un obxectivo fundamental: reforzar o papel de Verónica Martínez Barbero, que é o noso principal capital político. 

En 2027 hai eleccións municipais. En cantos concellos aspira a presentarse a formación?  
O Movemento Sumar Galicia non vai volverse tolo por presentar moitas candidaturas. Non imos presentar candidaturas por presentar. O obxectivo é ver en que sitios somos útiles para xerar gobernos alternativos ao PP. Imos estar presentes nas sete cidades. Hai que ver con que fórmula, pero unha premisa é que non estamos para fraccionar máis: se somos capaces de reforzar os espazos transformadores xa constituídos, pois estaremos para reforzalos. E se non hai eses espazos, temos que impulsalos. Isto implica unha máxima: temos que dialogar con moitos espazos municipais e forzas progresistas para ver onde podemos ser máis útiles.
  
Logo veñen as autonómicas. 
Queda bastante, pero estamos a facer organización co obxectivo de presentarnos e de que haxa un cambio político en 2028. A mellor forma de prepararnos para ese reto é facer organización, ter iniciativa política. Que Manuel Lago e Verónica Barbero leven iniciativas ao Congreso, dar unha imaxe de que somos útiles e eficaces na defensa de Galicia e manter a iniciativa política en certos temas, como poden ser vivenda, servizos públicos, educación ou as medidas laborais que estamos a levar a diante, como subir o salario mínimo, a reforma laboral, a redución da xornada... E dar a ver que tamén podemos aplicar esas medidas en Galicia. 

Onde buscará Sumar Galicia o seu electorado?  
O electorado non é de ninguén, son os cidadáns os que expresan o seu voto libremente en cada elección. Pero calquera persoa, votase o que votase, que se recoñece nos valores progresistas, nos valores de boa xestión de goberno e de eficacia política, ten en nós o seu referente. Unha cuestión que diferencia Sumar Galicia doutras forzas políticas progresistas ou de esquerdas é que, cando gobernamos, gobernamos ben. Creo que a cidadanía valora os resultados das políticas cada vez máis, porque cada vez está máis formada a pesar da desinformación. E se poñemos enriba da mesa os resultados das accións de goberno, Sumar sempre gana, porque sobe o salario mínimo, porque mellora as condicións de vida da xente. Queremos trasladar iso á cidadanía de Galicia e facer o mesmo na Xunta.

A asemblea estatal de Sumar ten que ser unha ratificación de apoio do noso espazo político a Yolanda Díaz. Non entendería que non fora así"

As sondaxes non dan por agora escanos para Sumar ou para outras forzas de esquerda alternativa. Hai espazo para elas en Galicia?
Claro que o hai se a esquerda quere facer unha alternativa de goberno ao PP. Nas eleccións xerais hai máis votos progresistas que conservadores, pero nas galegas hai máis votos conservadores que progresistas. Que é o diferencial? Pois que nas xerais, Sumar obtén representación e nas galegas, non. Nestas últimas vimos que concentrar os votos non serve. A única forma de que haxa unha alternativa política en Galicia é que sexa a tres, con PSOE, BNG e Sumar. Se non, vai seguir gobernando o PP. Somos necesarios porque se non, non hai cambio de goberno.

Calquera persoa que se recoñece nos valores progresistas, nos valores de boa xestión de goberno e de eficacia política, ten en nós o seu referente"

A tendencia lóxica é buscar alianzas con formacións como Podemos ou Esquerda Unida? 
Estamos dispostos a dialogar con todo o mundo que se sinta interpelado pola necesidade de que a unidade vaia da man de Sumar Galicia. Non pechamos as portas a ninguén. Estamos agora mesmo nunha nova etapa, como comentaba Yolanda Díaz, onde temos en fronte á ultradereita en España e políticas que cada vez se parecen máis á ultradereita por parte do PP. Consecuentemente, o electorado non entendería que non dialogásemos con todo o mundo para constituír espazos de acción unitaria. E aínda que falta moito tempo para as eleccións, creo que as pontes se constrúen con accións pero tamén con declaracións de intencións. É o momento de empezar a facer declaracións de intencións que permitan ter pontes.

Que Martínez Barbero sexa tamén a portavoz de Sumar no Congreso, réstalle presenza en Galicia? 
Martínez Barbero é o mellor referente político que temos. Está a facer un traballo magnífico. Ser portavoz sitúa moito mellor as demandas de Galicia no Congreso e dá máis visibilidade ás súas problemáticas con PNLs, preguntas, interpelacións, traballo en comisión... Evidentemente, non pode estar en dous sitios ao mesmo tempo, pero tamén ten a Sumar Galicia aquí. Ao seu equipo. Nós estamos para apoiala. 

Sería boa candidata á Xunta?  
É o mellor referente que ten este espazo político en Galicia. Non podo dicir nada máis.  

Destacan que, en relación á súa poboación, Galicia é a comunidade con máis delegados na asemblea estatal de Sumar do 29 e 30 de marzo. Como fará valer ese peso?
Como delegación, apostamos primeiro por saír desta asemblea para gañar, para ser ambiciosos nas políticas, para levar adiante o noso programa sen ningún tipo de tapuzos. Temos que construír un punto de inflexión, levantar o estado de ánimo de todo o progresismo e que realmente sexa unha forza que empuxe á acción do goberno de Sumar. Segundo, temos que levar tamén unha mensaxe de plurinacionalidade, de que nos temos que articular en función dela. E terceiro, temos que tamén dar unha mensaxe de apoio incondicional a Yolanda Díaz, que está a facer un traballo inxente e moi poderoso na mellora das condicións laborais. Esta asemblea ten que ser unha ratificación de apoio do noso espazo político á vicepresidenta segunda do Goberno. Non entendería que non fora así. 

O PSOE ten a batalla social perdida coa tributación do SMI, pero o Goberno de coalición segue unido e acabará a lexislatura"

Estes días están marcados polas tirapuxas coa parte socialista do Goberno pola tributación do SMI. Están conformes con como se están a manexar as cotas de poder? 
O PSOE tomou unha mala decisión, porque o SMI é un salario de subsistencia, a xustiza social ten que empezar por arriba e ser de esquerdas é saber sobre quen recaen maioritariamente os impostos. Ten a batalla social perdida, pero aínda está a tempo de rectificar. En todo caso, é importante recalcar que o goberno de coalición segue sendo un goberno unido. É normal que haxa discrepancias porque somos dous partidos políticos distintos, pero vai haber lexislatura para longo. Vai acabar a lexislatura, porque isto non impide que continúe coa normalidade de acción de goberno. 

Estas polémicas poden desgastar a Sumar ou mesmo o reforzan ante o seu electorado?  
Non sei se nos pode reforzar ou ao contrario, pero cando lle falas á xente dunha forma clara e con sentido común, iso fai que recupere a confianza nas institucións. E a lectura que ten a cidadanía da proposta de Sumar é a do sentido común. Ao final non é que gañemos ou perdamos votos, senón que damos a ver que os políticos son capaces de escoitar á xente e resolver eses problemas. Quen gaña é a propia democracia, porque se restablece a confianza. Ese é o punto central.

Comentarios