Rueda critica que Fomento non faga "nada" para lograr bonificacións na peaxe da AP-9

O vicepresidente da Xunta manifestou en Lugo que as demandas dos transportistas que esixen descontos nesta vía "teñen toda a lóxica do mundo"

Alfonso Rueda, este martes en Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Alfonso Rueda, este martes en Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recordou que o Goberno galego leva "moito tempo pedindo" ao Ministerio de Fomento que "negocie coa concesionaria" e "consiga bonificacións" que permitan unha rebaixa das peaxes na AP-9. "Pódense facer moitas cousas, o que non se pode facer é non facer nada", censurou. 

Antes de participar nun acto en Lugo, o vicepresidente da Xunta asegurou que as demandas dos transportistas que esixen descontos nesta vía "teñen toda a lóxica do mundo". "É o seu medio de vida... e nós como administración estámolos pedindo", manifestou. 

Nesta liña volveu a reclamar ao ministerio que dirixe José Luís Ábalos que materialice o traspaso da AP-9 "co financiamento suficiente" para "poder ter marxe de manobra e poder negociar esas rebaixas na peaxe". 

Así mesmo, aproveitou para destacar que as autoestradas de titularidade da Xunta, polo menos a finais do ano pasado, "eran as máis baratas de España". "E volveremos seguir establecendo rebaixas e bonificacións", apuntou. 

Ademais, asegurou que a peaxe da AP-9 "non se pode suprimir" polo que considerou que "quen estea a contar que o traspaso da titularidade da AP-9 suporía que desaparecerían as peaxes estaría a enganar á xente". Con todo, si subliñou que se poden propor melloras e que non sexan tan caros". 

"Iso é o que queremos facer, e non está a facer o ministerio de Fomento, sen prexuízo de que algunhas peaxes si que terían que estar suprimidos e poño como exemplo o caso entre Vigo e Redondela. Negociouse que se suprimise e o goberno está a dar largas, é unha mostra máis de que non queren avanzar neste asunto", desvirtuou.

ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO. Na súa comparecencia ante os medios en Lugo, o vicepresidente da Xunta tamén criticou que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, salga a "defender" o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para Galicia cando o "resto de representantes do partido socialista, e en xeral todo o partido socialista non di ou nada ou di que as contas son indefendibles". 

Temos un descenso na porcentaxe de financiamento, con respecto aos últimos orzamentos, enorme", lamentou tras a entrega de material para servizos de Protección Civil a cinco municipios da provincia de Lugo: Quiroga, Negueira de Muñiz, Becerreá, Meira e Cervantes. 

Rueda destacou que a Xunta destinou dez millóns de euros, nos últimos catro anos, para as agrupacións de Protección Civil e os grupos de Urxencia Supramunicipal en Galicia. 

Comentarios