Todos os colexios electorais cumpren xa con medidas de prevención sanitaria

Os coordinadores de prevención da Xunta para a xornada electoral acaban de concluír a inspección dos 2.405 locais electorais galegos
Papeletas en un colegio electoral. AEP
photo_camera Papeletas nun colexio electoral. AEP

O cento por cento dos colexios electorais cumpren xa as medidas do protocolo de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo en Galicia, informa nun comunicado o Goberno galego.

Os coordinadores de prevención da Xunta para a xornada electoral acaban de concluír a inspección dos 2.405 locais electorais galegos. 

Durante a semana pasada comprobaron que 2.280 locais -case o 95 %- cumpría xa de inicio coas condicións do protocolo do Goberno galego e buscouse unha localización alternativa para os 125 que non reunían as adecuadas condicións segundo as inspeccións.

Deste xeito, a día de hoxe, e case un mes antes da xornada electoral, o 100 % dos locais designados contan coas características necesarias para cumprir coas medidas de seguridade.

O protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo establece, entre outras medidas, que será obrigatorio usar máscaras

A semana antes das eleccións haberá unha segunda revisión de todos os locais para facer unha última comprobación de que cumpren coas medidas sanitarias tras a instalación do mobiliario para a votación. Ademais, durante o 12 de xullo, os representantes da Administración tamén se achegarán a visitalos para comprobar que se están seguindo as medidas do protocolo.

Todos os profesionais que se ocupan destas tarefas contan con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais, e recibiron previamente formación específica para as inspeccións dos locais e están sometidos a unha dirección única desde a Xunta.

O protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo establece, entre outras medidas, que será obrigatorio usar máscaras e higienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

Tamén establece o protocolo que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán a usar equipamentos de protección.

Colocarase en todos a locais cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias

Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual, e priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

Colocarase en todos a locais cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación no seu interior, e intensificarase a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas

Comentarios