Unanimidade da Cámara para pedir por terceira vez a transferencia da AP-9

O BNG esgrime un recente fallo do TC para unha nova petición e o resto de grupos coincide nas posibilidades que ofrece 

La portavoz del BNG, Ana Pontón, durante su intervención en un pleno del Parlamento de Galicia. ADP
photo_camera Ana Pontón. ADP

O Parlamento galego deu luz verde este martes por unanimidade por terceira vez a comezar o proceso para reclamar a transferencia da autoestrada AP-9 para Galicia, vetada en varias ocasións polo Goberno central. 

No debate da toma en consideración da proposición de lei defendida polo BNG, a portavoz nacionalista, Ana Pontón, deixou claro que "hoxe ten que iniciarse un terceiro intento que ten que ser o definitivo". 

"Que cambiou para volver traer esta solicitude?". A esta pregunta responde Pontón cun recente fallo do Tribunal Constitucional que fixa que "o Goberno non ten poder absoluto para vetar as leis por razóns orzamentarias" e que o Executivo central "non ten un dereito de veto ilimitado". "Unha sentenza do TC está a dicir que o PP utilizou mentiras para vetar a transferencia da AP-9", sentenza. 

Sobre as posibilidades que abre este recente fallo do Constitucional coincidiron o resto de grupos. Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) remarca que "se abre unha vía para rectificar esa posición" do Goberno, porque a sentenza do TC "dá no cravo" e "di que é improcedente" a actuación do Executivo central co seu veto. 

Ana Pontón: O Goberno non ten poder absoluto para vetar as leis por razóns orzamentarias

Nesta liña, Marcos Cal (En Marea) lamenta o "falso patriotismo" do PP, posto que alude a ese fallo do TC para reprochar que "o PP é constitucional a tempo parcial". 

Pola súa banda, Martín Fernández Prado (PP) mostrou o apoio do seu grupo a volver pedir a transferencia, pero apunta que a Mesa do Congreso anunciou após esta sentenza do TC a revisión de oficio daquelas cuestións vetadas, polo que "é posible que esta revisión de oficio chegue antes desta nova lei", que tramitará agora a Cámara galega.

POLO TRABALLO CONXUNTO. Durante o debate desta futura lei que sairá do Parlamento galego para remitirse ao Congreso, Pontón puxo en valor que é o Bloque o que está "sempre tirando porque haxa unanimidade" neste ámbito en busca dun "gran acordo de país" fronte á "estafa continuada da AP-9". 

Ademais, identifica o veto ao traspaso con "un fracaso persoal de Feijóo, que é incapaz de que se transfira a AP-9". Por iso, considera que esta futura lei é unha "ferramenta para conseguir unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes".

Ademais, Marcos Cal censurou que "até en catro ocasiones o PP en Madrid impediu o debate" dunha iniciativa con apoio "unánime en Galicia". Tamén cuestiona Cal os cálculos que fai o Goberno sobre o custo da transferencia, que pasa de 4.300 millóns "a agora máis de 8.000 millóns". Todo iso, mentres a Xunta "volve permanecer sumisa" ante "a burla e estafa aos galegos" de Audasa.

Cambios no trámite parlamentario

O popular Prado coincidiu en que a transferencia "é posible" e "o mellor para os intereses dos galegos", así como "xuridicamente viable". 

Con todo, Fernández Prado mostrou o seu "desgusto" por que o Bloque "volva presentar" a proposta inicial, coa que se "volve catro anos atrás", no canto do texto que saíu en 2017 do Parlamento galego que "facilita a tramitación". 

E é que no segundo texto de 2017 retirábase o prazo incluído na primeira proposta dun máximo de seis meses para o traspaso efectivo da citada autoestrada e púñase por escrito –nunha disposición adicional– que o cambio de titularidade non suporá ningún incremento dos créditos nin diminución dos ingresos previstos nos orzamentos estatais en vigor. Con todo, o PP reprocha ao BNG que retrocede ao texto orixinal sen incluír esas melloras. Por iso, Martín Fernández Prado anuncia que os populares tratarán de "mellorar no trámite parlamentario" esta proposición de lei, co fin de "volver ao consenso" e "facelo conxuntamente". 

Nesta liña, Leiceaga tamén cre necesarias melloras durante o trámite parlamentario desta lei. Con todo, lamenta que haxa que iniciar de novo este proceso que "é longo e complicado" por un veto que "non estaba fundamentado" pola Mesa do Congreso "con maioría do PP e C's". 

Comentarios