A USC expedienta a Méndez Naya para valorar se houbo delito nas súas declaracións

A institución sostén que non tolerará "declaracións que menoscaban os dereitos fundamentais das persoas e, neste caso, de igualdade entre mulleres e homes"

Luciano Méndez, no novo vídeo. FACEBOOK
photo_camera Luciano Méndez, no novo vídeo. FACEBOOK

A Universidade de Santiago (USC) abriu este venres un expediente informativo ao profesor Luciano Méndez Naya, que afirmou que a vítima da Manada "gozou", para valorar se existe "sospeita fundada de delito para remitir o caso á Fiscalía".

Tras unha rolda de prensa na casa consistorial de Santiago, a vicerreitora de Comunicación da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, reiterou a "condena" da institución académica ás declaracións do profesor, que pediu nun vídeo de Facebook a absolución da Manada.

"Este xoves desde os servizos xurídicos da Universidade de Santiago estivemos a traballar nas medidas a adoptar e este venres abriuse un expediente informativo, que xa foi comunicado ao profesor e xa temos nomeado un instrutor. Vainos permitir determinar cal é a repercusión dos feitos no ámbito profesional do profesor Méndez Naya", detallou Crujeiras.

Anuncia, ademais, que "a evolución que teña este expediente" permitirá "valorar" se existe "algunha sospeita fundada de delito para remitir o caso á Fiscalía".

"Actuamos coa maior celeridade posible que podemos facer desde a Administración no marco xurídico que temos, temos que tratar de manter as garantías para todas as partes, pero tamén é certo que temos unha marxe escasa non só desde a Universidade senón desde todas as administracións públicas", continuou.

En todo caso, detalla que a USC non tolerará "este tipo de comportamento, este tipo de declaracións que realmente menoscaban os dereitos fundamentais das persoas e, neste caso, de igualdade entre mulleres e homes", manifestou.

De momento non lle consta ningunha denuncia dalgún colectivo de estudantes, pero sostén que "a alarma social creada xa é suficientemente importante" para actuar "de oficio".

A vicerreitora detallou que se dará conta "tanto aos medios, como á sociedade e á comunidade universitaria dos pasos" que siga o expediente, aínda que non puido aclarar se o profesor Méndez Naya impartirá clase a próxima semana.

"Estamos neste momento esperando a ver como evoluciona este expediente informativo para saber que actuacións podemos ir tomando e tamén estamos a valorar se se producen algúns feitos posteriores, temos que ver cal é o encaixe dentro do ámbito profesional do profesor", resolveu.

En declaracións a Efe, o reitor electo, Antonio López, que ocupará o cargo nos próximos días, mostrouse partidario de enviar o vídeo ás autoridades xudiciais que, na súa opinión, incluso, poderían actuar de oficio, xa que as declaracións co "trato vejatorio" son públicas e notorias.

O profesor publicou o pasado 7 de maio un vídeo o seu muro aberto de Facebook no que afirma que a vítima da Manada, á que se refire como "a tipa", sabía ao que ía, que "gozou" e que a Audiencia Provincial de Navarra debería tela condenado por denunciar "bobadas" de feminismo "radical".

Despois de tres xornadas de críticas, na xornada deste xoves, antes de coñecer que a USC estudaba que acciones tomar contra el, publicou un novo vídeo no que se mostra "disposto a defender" as súas posturas "ante quen faga falta" e acusa á "manada social" de crucificar "a un tipo que disiente da opinión maioritaria".

Este venres, noutro vídeo, que hai máis dun "noventa e moitos por cento" de probabilidades de que os feitos sexan como el cre que ocorreron e cuestionou a posibilidade de que a USC adopte medidas contra el porque son as súas "opinións persoais" ás que cre que chegaría "calquera persoa racional".

Este profesor, docente de Económicas, xa foi expedientado en 2016 por comentarios machistas a unha alumna en clase sobre o seu escote.

Comentarios