Xunta e Audasa supervisan a limpeza de biomasa para previr incendios na AP-9

Tramo de la AP-9 a su paso por Culleredo. GSV
photo_camera Tramo da AP-9 ao seu paso por Culleredo. GSV

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, reuniuse con responsables de Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, para avaliar os traballos de roza e prevención de incendios iniciados por parte da empresa nesa vía de comunicación. 

Segundo recordou a Consellería do Medio Rural nun comunicado, de acordo coa normativa vixente, a Audasa correspóndelle a xestión da biomasa na franxa primaria da autoestrada como parte dos labores preventivos para alcanzar unha efectiva anticipación ante os incendios forestais. 

Na reunión analizouse o compromiso da empresa no cumprimento destas obrigas e avanzouse tamén na posibilidade de concretar o seu contido e alcance a través dun convenio específico no marco da lei de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. 

O obxectivo desta medida, segundo explica a Xunta, é optimizar o esforzo de xestión, dándolles prioridade no tempo ás actuacións nas zonas do trazado de maior risco de incendios forestais e tendo en conta que este ano, pola urxencia sanitaria, a Administración autonómica acordou prorrogar o prazo legal para cumprir con estas obrigas ata o día 16 de xullo.

O plan preventivo da Xunta contempla, en total, actuar en case 5.800 quilómetros de vías de comunicación e 46.000 hectáreas

PLAN DA XUNTA. Este encontro de traballo desenvólvese no contexto das actuacións que impulsa a Xunta para previr os incendios forestais e que se concretan, este ano, nun plan que suporá o investimento de 30,5 millóns de euros

Nesta planificación recóllense, fundamentalmente, accións sobre o territorio consistentes en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa en intervencións de mellora e xestión forestal e das súas producións que impliquen un incremento do valor do monte. 

Entre outras magnitudes que contempla o plan, destacan as case 46.000 hectáreas nas que se intervirá, de forma conxunta, mediante diferentes tipos de traballos silvícolas, así como a actuación en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación repartidas por toda Galicia. 

Comentarios