A Xunta Electoral apercibe ao PSdeG por publicar contidos publicitarios en precampaña

Avisa á formación de que en caso de reincidir nunha conduta similar, procederase a incoar o correspondente expediente sancionador
Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Gonzalo Caballero. LUIS POLO (AGN)

A Xunta Electoral de Galicia acordou instar ao PSOE a que se absteña de publicar contidos publicitarios en prensa ata que se inicie o período de campaña electoral, e apercibe á formación de que, en caso de reincidir nunha conduta similar, procederase a incoar o correspondente expediente sancionador. 

A resolución, contra a que cabe recurso, prodúcese despois de que o 9 de marzo o PPdeG presentase un escrito no que denunciaba que o candidato do PSdeG ás eleccións do 5 de abril, Gonzalo Caballero, vulneraba a normativa electoral pola suposta contratación para o domingo 8 de marzo de páxinas completas de varios xornais "coa finalidade de promocionar a súa imaxe persoal", así como de dinfundir unha serie de propostas programáticas desta formación. 

O PSdeG alegou, entre outras cuestións, que o que facía nesta publicación era "defender a actividade ordinaria política do partido", na que non se expresa "nin directa nin indirectamente a petición de voto". 

Con todo, a Xunta Electoral conclúe que a publicación "supera a actividade ordinaria dun partido político, invadindo o ámbito conceptuado por propaganda electoral" na xurisprudencia do Tribunal Supremo. 

"Especialmente relevante resulta que na información publicada se exhiba de forma destacada non só a condición de candidato á Presidencia da Xunta por ese partido político, senón que tamén inclúe un texto que non pode cualificarse de simplemente informativo, senón que ten claras connotacións electoralistas polo seu carácter persuasivo", conclúe a súa argumentación. 

Comentarios