Opinión

Os ferriniáns entregan a RAG aos galácticos

A solicitude dun grupo de académicos da oposición para repoñer o nome de Ferrín na web da RAG foi un agasallo que non esperaban os seus rivais, a directiva.

Brian Blessed en 'Hamlet' (1996). EP
photo_camera Brian Blessed en 'Hamlet' (1996). EP

TEÑO VARIOS amigos e mesmo varios inimigos autores que se irritan cando a Real Academia Galega escolle un novo membro. Entenden que eles escribiron obras literarias ou investigadoras do mesmo valor intelectual que os sinalados polo dedo inefable do sector dominante na institución, os galácticos.

Eu trato de consolalos ou de amolalos —segundo o caso— explicándolles que ser académico non avanza en paralelo á capacidade ou ao esforzo. Para ser académico deben cumprirse tres requisitos: ser perseverante, ter paciencia e cultivar amizades entre os dignatarios da institución.

O modelo de procederes e favores permanecen inmutado dende que o calvinista Valentin Conrat ideou a Academia Francesa en 1629 e logrou o apoio do cardeal Richelieu. O relixioso mandaba tanto que vetou a entrada do mellor escritor do seu tempo, Pierre Corneille. O argumento foi que non residía en París. É como dicir que, para ingresar na RAG, hai que residir en Santiago ou na Coruña. Todos sabemos que hai algúns académicos incumpren o requisito, e que mesmo se poden contar coas dedas dun pé os que nunca intrigaron en Compostela, pero hainos. O enciclopedista D’Alambert apuntaba o motivo real de deixar a Corneille nas portas: "Era mellor poeta que Richelieu e o cardeal sabíao".

Tampouco abonda con ser o mellor escritor do país nin con ter paciencia, perservancia e amizades para abandonar a RAG

Tampouco abonda con ser o mellor escritor do país nin con ter paciencia, perservancia e amizades para abandonar a RAG. Hai cinco anos que Xosé Luís Méndez Ferrín devolveu as armas, as medallas, a honra e os diplomas para regresar á Cova Céltica de Vigo.

A semana pasada, un grupo de ferriniáns pediu que o seu nome fose restituído na web da Academia. Fóra retirado seguindo un proceder que os soviéticos elevaron a arte fotográfica. Quen desaparece da foto, deixa de existir. A petición pode antollarse ridícula aos lectores, pero deben considerar que a Real Academia Galega é un sistema de símbolos que carece de concreción no mundo sensible. Os amigos, outros amigos, pregúntanme para que serve a Academia. Eu contrataco coa borrasca Hugo, que nos vai agriar o lecer ateo da Semana Santa.

O certo é que no ámbito inmaterial da RAG, cada xesto é importante. Por iso, oito membros pediron que se volvese inscribir o nome de Ferrín no mármore intanxible da web. Ese colectivo ferrinián integra —por despachalo cunha xeralidade inxusta e sen matizar— a oposición. Levan anos disputando o poder académico aos galácticos, que son os que dominan dende que aproveitaron a división dos rivais para situar na presidencia a Víctor Freixanes.

Agora os freixanistas poden esixir a Ferrín que declare se deixa á súa dignidade, que é vitalicia

Os ferriniáns cometeron o erro de avivar a desputa coa súa reclamación. Entregaron unha vantaxe poderosa aos galácticos. Agora os freixanistas poden esixir a Ferrín que declare se deixa á súa dignidade, que é vitalicia. Se marcha, liberaríanse do líder da oposición, dun académico que leva cinco anos representando un pai de Hamlet: chamando pola vinganza co berro patente do seu silencio.

A maiores, disporían dun posto para nombrar unha académica —escribo en feminino porque é a trazabilidade de Freixanes— que consolide a súa maioría ‘ab aeternum’. Máis ben, ata que algunha Xunta aburra de financiar unha entidade virtual que —nunca llelo contarei aos amigos— vale fundamentalmente para calmar a egocentria de trinta reis, guerreiros, taumaturgos, adiviños, magos, santos, místicos, inocentes e mártires.

A RAG está en obsolescencia programada porque o estratega galáctico —un luterán compasivo capaz de citar a Chautebriand con sentido— insísteme en que está "de retirada". O novo táctico non pertence a Academia e, polo que me contaba a última vez que o vin, non ten "o máis mínimo interese en entrar". Non é parvo, claro; sabe que a entidade non poderá estaricar moitos anos o seu discurso falso de utilidade. Da banda de Ferrín, queda Axeitos con capacidade para deseñar movementos;  pero non pasa de ser un auriga do expresidente ourensán. Decide cara onde leva o carro, pero non brilla por riba dos cabalos.

Aposto a que Ferrín  manterá o seu silencio porque sabe que vale ouro, incienso e mirra

Ferrín debe de estar escarallándose coas súas gargalladas escuras no limbo pálido no que se recluíu ao dimitir. Pagou con dignidade a indignidade perpetrada cando era responsable da Academia. Aposto a que manterá o seu silencio porque sabe que vale ouro, incienso e mirra. Sobre todo, despois das declaracións de Freixanes a ese medio herculino ao que bisba as confidencias desconsoladas. Os colegas da prensa de Lugo, Ourense e Pontevedra anda amolados de responsable dunha entidade de ámbito nacional soamente descolgue o teléfono cando ve un prefixo 981. Eu respaldo a súa postura: cando un ten unha visión da política cultural propia dun alcalde pedáneo, debe dirixirse ao lectorado da súa parroquia.

Freixanes estréitache a man aprétandoa con forza e xirándoa como se che fixese unha chave de iudo. Ese xeito cercano e coutado de concebir o poder non impide que lle conte ao diario coruñés que está buscando "espazos de encontro". Como exemplo pon "o Portal das Palabras". Na forma, afirmar que un sitio virtual é un espazo de encontro é unha cursilería; no fondo, pretender que un diccionario sirva para reconciliar a dous grupos de académicos que se berran as propostas en cada xuntanza sitúase entre a inxenuidade e o cinismo.

De todos os académicos, o máis intelixente é Xosé Ramón Barreiro. En canto escoita que se erguen as voces na Academia, sae á rúa para- botar un pito. Nin el, que foi presidente, consigue tomar en serio semellante poleiro. Un aplauso para o señor.

Comentarios