Opinión

Na procura dunha saída

Markus Muntean e Adi Rosemblum forman unha parella artística dende 1992. Traballan cunha mestura de tradición e cultura popular que nos ofrece unhas pinturas abrumadoras cheas de forza para tentar explicar o noso mundo dende o tránsito adolescente

HAI EXPOSICIÓNS que se fixan na mente do visitante. Que ben polasorpresa co que un se atopa, ben polo descoñecemento dos artistas ou polo impacto da representación que xa para sempre terá en conta o labor creativo destes dous artistas que levan funcionando como un único ente creador dende os anos noventa.  A exposición que leva o nome de ambos, Muntean/Rosenblum, xunto á frase extraída da última liña dunha novela paradigmática do noso tempo, American Psycho de Bret Easton Ellis, que é: "Isto non é unha saída", convértese nun paso máis no seu proxecto de afundir a súa arte na descripción ou explicación do noso universo social.

Instalacións, pinturas, fotografía, vídeo, e unhas esculturas que xogan co efecto dos pedestais empregados nos museos pero que en realidade son caixas de adestramento de parkour, coas que os seus practicantes deben atopar un camiño de saída a partir da súa forza motriz, son as pezas que compoñen esta mostra da que poderemos gozar no MAC da Coruña ata o 16 de setembro. Esa búsqueda dunha saída tamén é a que está detrás das pinturas da exposición, o máis efectivo da mesma, pola súa calidade e rotundidade na procura dun fin. Unha mestura de composicións dende a pintura tradicional, coa colocación das figuras, o emprego da natureza, a gradación de planos e cores, coa modernidade que lle confiren unhas personaxes que reflicten a persoas do noso tempo. Mozos e mozas, na maioría das veces adolescentes e os seus pais, protagonistas do noso universo audiovisual e publicitario, conseguindo con ese enguedellamento un efecto no espectador moi impactante que axuda a ese propoñer cuestións sobre o que nós mesmos somos, xa que estamos ante unha pintura que nos interroga. Moitos deses protagonistas miran fóra da propia pintura esixindo a nosa implicación na escena. Escenas que nas últimas series que aquí se amosan substitúen o universo urbano polo medio natural e nas que contemplamos a grupos de adolescentes que parecen descansar, cunha certa carga de melancolía sobre eles, pero nos que semella existir unha certa dose de ambiguedade ou de intranquilidade ante esa representación. Como se todo fose a mudar dentro duns instantes.

Tamén se aposta noutros escenarios polo desconcerto máis evidente, explosións, efectos metereolóxicos, personaxes baixo o efecto da anestesia, todos eles momentos que nos afuden no desconcerto, cunha maior expresividade no pictórico e nalgúns casos unha dose de ironía. que alimenta ese estado de desorientación no que as veces nos atopamos sumidos na nosa sociedade. De xeito fundamental, son os mozos os protagonistas destas pinturas, abofé por ser nos que ese estado de incertidume ante a vida adulta é máis evidente, tamén nos que as dúbidas e as crises de identidade convértense en estados de permanente debate neles mesmos e cos seus semellantes. Isto parece ser o que se move entre eses grupos de mozos que semellan estar ao acougo da natureza, nun estado de calma, como se estivesen reflexionando sobre o novo tempo que se lles vén enriba.

Unha sensación de frescura que se alimenta tamén cun soporte que non ten que ver co tradicional lenzo, senón que é un soporte moito máis manexable, sen bastidor

O que lles engade valor e forza a esa posibilidade é que non hai un sentido aleccionador nas súas pinturas, non hai un interese por unha didáctica da vida, senon que o que se propón é o amosar un momento, capturar unha escena dunha certa sensación de vulnerabilidade pero que non pretende amosar ningunha lección sobre cómo desenvolvernos na vida.

Tanto dende o branco e negro ou a cor, cunha escena nun bosque o nunhas escaleiras mecánicas, eses seres amósanse ante nós tal e como son co seu grupo, cos seus pais, coas súas parellas, en definitiva, están inxeridos nun instante cheo de vida no que se adentra a incerteza, tal e como acontece con cada un de nós nalgún momento de cada xornada. Unha sensación de frescura que se alimenta tamén cun soporte que non ten que ver co tradicional lenzo, senón que é un soporte moito máis manexable, sen bastidor, cun soporte que se pode desenvolver e transportar moi facilmente e no que se deixa un borde en blanco, que nos achega á linguaxe da banda deseñada e na que se aproveita para incluír algunha frase de poetas como Rilke, Eliot, Celan ou Bowles que espallan as posibilidades de significado da escena dun xeito incalculábel.

Comentarios