Opinión

Poesía na maré

Mayra Andrade
photo_camera Mayra Andrade

EU RECITARÍA esa mesma tarde no Museo, canda Lucía Aldao e Rosalía Fernández Rial, dúas das voces da poesía galega que máis me fan gozar, léndoas ou escoitándoas. Pero aínda non sabía que recitar. Penso con frecuencia que son un poeta acabado. Un impostor que declama palabras xa caducas, sen nada novo que dicir. Ai, ai. Aprazara a decisión máis tempo do debido. Que carallo ía recitar eu? Valorei as miñas opcións despois de nadar, acomodando unha cervexa no meu corpo canso, na area da praia, aínda tiña unhas horas, sábado pola mañá. Iso non me podía preocupar nun mundo que caía a cachos. Non era un problema real comparado coa morte. A auga estaba fría pero avivaba a relación co medio. Reparei na parella do lado, ela excesivamente delgada e el pouco interesado en seguir facéndolle fotos:
—No te saco más fotos ya. Quiero ver la final. Empatiza un poco conmigo.
—Pero salgo bien? No me digas que el mar perfecto, la arena perfecta, si yo salgo anoréxica.
—No sales anoréxica, sales cachonda.
—En serio?
—En serio.
—Joder, pues ya me pusieron cuatro en el Instagram: Tía, estás anoréxica.


Pensei nos incertos camiños da evolución humana. Copérnico xogárase as pelotas, Hipatia pasáraas putas, todos os mortos das guerras mundiais, a Guerra Fría... Sentín máis intenso o arrecendo da grella arxentina ao pé da area, baixo o sol queimándome o nariz. A praia case estaba deserta, as bateas, un caseto riba dunha delas. Un bo lugar para facer o amor. Non sei como irá ese rollo. Canto custa unha batea? Alguén pensou en alugar bateas para facer o amor e facerse millonario? Amor de contrabando. Véuseme entón á cabeza esa idea do Xavier Belho —outro dos Belho—: Montar unha empresa madeireira en Lalín e chamarlle I-ke-ho? Dixéramo hai meses en Lugo, nunha homenaxe ao Fran Pérez, Narf. Eu recitara aquel día un poema sobre o Fran, unha das persoas que máis fixo por buscar ese achegamento entre as linguas e as culturas irmás. E un dos mellores artistas do noso país. O recitado saírame francamente ben, aprendérao de corrido aquela mesma tarde, motivado e temeroso a un tempo de non ser quen de corresponder a confianza da Uxía. Fixérao acompañado dun virtuoso do piano, o cubano Alejandro Vargas. Púxenme a repetir o poema cos ollos pechados, diante da mirada desconcertada da parella aquela. Aínda o lembraba. E logo de xantar, un último baño, ler un pouco sobre o son cubano e puxemos rumbo a Pontevedra. Cruzamos a Praza da Pedreira e vin o pianista cubano noutra proba de son. Saudounos dende o palco e seguimos o noso camiño. Ao chegar ao museo recibíronnos o propio Vitor Belho e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. Convidounos a asistir despois da proba de son á proxección dun filme alí mesmo: ‘Onde está você, João Gilberto?’. Unha viaxe á saudade, unha película digna de verse. Outra xoia do Cantos na Maré. Chegaron as outras dúas poetas. Acordamos co pianista Brais González o mellor xeito de comparecer. Cando rematou a proxección do filme, matamos os cinco minutos que quedaban cunha cervexa rápida. Contámoslles que foramos ver os Stones nos USA; a Lucía dixo que seguro que se odiaban. Díxenlle que se se odiasen non levarían tanto tempo actuando xuntos. Respondeume que ela levábase moi mal con María Lado —a outra compoñente do dúo poético AldaoLado—. Rimos a ocorrencia e observamos que había un grupo considerábel de xente agardando por nós e polo recital na porta do museo. Sen nós non comezan, pensei. E a Alba lembrou unha das sentenzas da Rosalía Rial: Frío non vai, présa non temos..

Que a música, a poesía, a lusofonía e os Cantos na Maré son desa clase de lugares.

O espectáculo transcorreu con ledicia. As miñas compañeiras estiveron realmente soberbias, tamén o pianista. Eu fixen o que puiden, alumeille á guitarra suave para que non caesen os cadros das paredes do museo e celebrei que os verdadeiros lugares non están en ningures pero sempre queremos volver a eles. Que a música, a poesía, a lusofonía e os Cantos na Maré son desa clase de lugares. Rematamos co tempo xusto para recibir o saúdo e as observacións intelixentes do Camilo Franco. Obtiven a absolución por citar os Beatles. Comentou que non era que el tivese mala hostia, senón que a realidade contiña mala hostia. Que el actuaba coma o deterxente Colón. Un "branqueador de realidade", engadín. Despediuse de nós, a Alba botounos unhas fotos para lembrar aquela tarde e marchamos directas ao Pazo da Cultura, para o concerto da caboverdiana Mayra Andrade. Unha verdadeira delicia.


Fomos alertadas pola Uxía, que acababa de saír dos ensaios con Martirio, Ugia Pedreira e Carmen París, Enredadas. Sen dúbida, un dos pratos fortes do festival, nunha proposta conxunta coa que xa levan percorrido con grande éxito boa parte dos principais escenarios galegos e españois. Ao saír despedímonos das poetas, collemos novos folgos na calor da noite e aínda fomos aos concertos da Praza da Pedreira. Puidemos gozar co flow de electrónica e percusión dos Napalma, que une o Senegal e o Brasil na súa proposta. E puidemos gozar de novo cun dos nosos rapeiros máis insignes, Serxio Regos, García MC, sempre facendo bailar os corpos pero tamén as neuronas.


Conducindo de madrugada ao Grove, outra vez na reserva. Os Cantos na Maré. A poesía é esquiva pero está. O esforzo obstinado das persoas que soñan coa proxección e co encontro da nosa lingua e a nosa cultura. Volvín sobre o poema do Narf: "Narife I de Zigala/ Rei da Braña Grande/ Pérez II de Noia/ príncipe xitano de Maputo/ guitarrista ‘sheriffe’ na Guinea/ polisón dos Mares de Silleda/ o rock and roll que vén e vai na esmola dun mendigo bertoltbrechtiano/ autoestopista dos pentagramas de O soño dunha ultranoite de verán no patio da escola/ oleiro de cancións en arxila/ que saltou dunha Nasa sen rede ao Río Bravo da aventura..."

Vin unha gasolineira.