
Rexistráronse colas virtuais desde a primeira hora deste xoves
O festival O Son do Camiño esgotou este xoves, en algo menos de dúas horas desde a súa posta á venda, os 20.000 abonos dispoñibles para a primeira edición desta cita musical que se celebrará os próximos 28, 29 e 30 de xuño no compostelán Monte do Gozo.
Ás 10.00 horas saían á venda os primeiros abonos deste festival a un prezo reducido de 39 euros, que duraron apenas uns minutos ante a alta demanda.
Pese ao progresivo incremento dos prezos, antes do mediodía xa se terminaron os 20.000 abonos postos a disposición do público.
Minutos antes da saída á venda das entradas -informa a organización a través dun comunicado- xa había miles de persoas conectadas á web formando unha cola virtual para adquirir o seu abono.
Nos próximos días, O Son do Camiño anunciará a súa programación por días e sacará á venda as entradas individuais, das que aínda non transcenderon detalles de prezo e cantidade.
Este festival congregará, durante o tres últimos días de xuño, en Santiago de Compostela a artistas de renome internacional como The Killers, Jamiroquai, Lenny Kravitz, Two Door Cinema Club ou Franz Ferdinand xunto a outros referentes musicais a nivel nacional e galego como Novidades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, C. Tangana ou La Maravillosa Orquesta do Alcohol.