Chocolate para Alonso Montero
Xesús Alonso Montero era un neno académico. Podo imaxinalo co seu pelo rizado e a expresión de querubín ateo que conservou ata o últimos días, co seu sorriso bondadoso e persistente. Non podo imaxinalo sen ser o alumno máis brillante, o párvulo da caligrafía máis picuda ou o estudante que poñía o ramo de oliveira no cumio do saber.
Era un home desapegado da terra e os seus enredos malia proclamar a boa nova do materialismo máis marxista. O seu era un materialismo máxico, como sería o de Cunqueiro de contar coa graza de aferrarse a unha ideoloxía que non fose a da supervivencia, primeiro, e da comodidade, despois.
A vez que coñecín a Alonso Montero aconteceu no Grove por un premio literario. El estaba alí en calidade de premiante e eu, na categoría de premiado. Recordo os percebes, que eran coma patas de elefante negro. Sentáronme nunha mesa ao carón dunha política, Paula Janza. Tiña unha beleza etrusca e un futuro azul que encheu de nubarróns ao pedir sinaturas para Xosé Cuíña. Os nacionalistas quixeron entender aquel conselleiro audaz e taimado coma un quitacolumnista no goberno de Fraga, pero a min parecíame que o seu galeguismo tiña máis de cálculo que de convición.
Enfronte de min estaba unha escritora, María Xosé Queizán, que nos dobraba en idade, pero non perdera a intensidade húngara nos ollos. O seu único erro foi casar con Ferrín porque o admiraba. Hai que casar cunha persoa para compartir o amor, non para que che transmita o seu talento por ósmose nin para asegurarte de que vas ter todos os seus libros asinados. Onda ela, en diagonal a min, sentara Alonso Montero.
O diálogo foi cruzado. Elas falaban de ximnasios e nós, sobre un meu tío. Juan dera clase no Femenino, o mesmo instituto de Lugo en que estivo don Xesús. O meu tío sempre se pretendeu heroe. Marchou a Rusia canda os nazis da División Azul para traer o ouro de Moscova a lombos do cabalo branco que lle asignaran como tenente e para combatir o materialismo marxista. Volveu famento e desencantado. Coa caída da ditadura quitou o carné do minúsculo partido socialdemócrata de Tierno Galván.
Eu sabía que Ferrín vivira en Lugo, ao igual que Alonso Montero e María Xosé Queizán, pero eles dous non gardaban un bo recordo do señor do crepúsculo e as formigas, e a min nunha me interesou en demasía.
Ambos expresidentes da Academia cruzábanse despois en Vigo, onde vivían ambos. Ferrín quedou molesto co seu sucesor, o propio Alonso, e seica non o saudaba cando lles cadraba nos actos. Pensen en que don Xesús xa era académico décadas antes de ter cadeira na RAG, aínda sentado un pupitre nunha aula, en Vigo e no Ventosela, riba do Avia.
A consideración do poeta Xosé María Díaz Castro cambiou no mesmo ano en que lle dedicaron as Letras Galegas. O escritor de Guitiriz pasou de cargar un fusil persuadado da encarga divina de limpar o monte de roxos a ser un comprensivo demócrata. Foi unha caída do cabalo en Damasco coma a experimentada polo meu tío Juan, pero a este non lle dedicaron as Letras. Daba clases de Matemáticas no Femenino e non escribía, así que dubido de que tivese relación con Alonso Montero, máis aló da educación de biblioteca privada que compartían.
O Día das Letras de Xosé María Díaz en Guitiriz estiven falando decorosamente con Anxo Lorenzo no xantar . Ás catro da tarde o secretario xeral de Cultura renunciou á sobremesa e díxome, apurado, que había de marchar.
—Trouxen a don Xesús Alonso Montero. Sabes que non conduce.
Mireino estranado porque o seu pasaxeiro estaba falando con Henrique Monteagudo, o actual responsable da RAG. Eu miraba a Alonso Montero erguendo o dedo índice, coa súa palabra eterna na boca e a bufanda vermella —que debía de ser un pano de seda porque estabamos en maio—. Pensaba no neno Xesús, tan anxelical, e non entendía a présa.
—Temos que estar ás seis en Vigo porque xoga o Barça!
Manuel Bragado, o exeditor de Xerais, sempre remarca que era "culé, pero tamén celtista".
Esa ximnasia millonaria dos campos de fútbol nunca me pareceu motivo para escaparlle a unha sobremesa pausada e agradable, pero admiro a Alonso Montero por outro motivo. Apoiou a candidatos ao Día das Letras Galegas que eran dispares das súas ideas. Respaldou a proposta de Filgueira Valverde malia o seu franquismo irredento. Tivo que aturar críticas de ferro. "A Academia está enferma", chegou a soltar Xosé Luís Axeitos, que foi o ideólogo raposeiro do mandato de Ferrín na Academia.
Alonso Montero animou tamén a proposta de Carvalho Calero, malia ser este lusista e andar, xa que logo, lonxe da súa visión do idioma. Formou terna con Margarita Ledo e Ramón Villares.
Don Xesús reñeume a última vez que falamos. Foi por teléfono. Díxome que me tiña en estima notable, como eu o tiña a el; pero advertiume de que debería retirar a miña descrición da cultura popular coma un oxímoro —"pode ser cultura e popular", dixo—. Agachei as orellas e a estatura intelectual, tan anana en comparanza coa súa. Ao cabo da conversa pasei o trago de anunciarlle o pasamento de Madarro, a súa pastelería de confianza en Lugo. Cando viña nunca lle fallaba a ese chocolate.