A volta ao día en 80 flores

Flores nun cadro da exposición /DP
Flores nun cadro da exposición /DP
Belén Padrón leva á viguesa Apo’strophe un proxecto dunha paisaxe floral que nos convida a transitar pola memoria ou a exaltación do relevante na vida.

Escribe Julio Cortázar en su ‘A volta ao día en 80 mundos’ sobre literatura, música, arte ou afeccións, como a de tocar a trompeta, en definitiva, sobre as cousas importantes que nos emocionan e motivan tendo todas elas cabida nun mesmo día. Belén Padrón establece así un fío co xenial 'Cronopio'para a partir do título escollido para a súa exposición, amosar a relevancia da beleza dun instante, do amor e das emocións compartidas cos seres queridos a través de compartir unha flor ou un ramo.

Son, precisamente, estes motivos vexetais os que cada vez máis ocupan o facer artístico de Belén Padrón, cada vez máis firme nas súas propostas dende a natureza como escenario elexido para desenvolver un programa cheo de imaxinación e inspiración, capaz de envolver ao espectador, ao punto de incorporalo a uns cadros nos que a figuración está ausente converténdose el mesmo en parte desa narratividade que tamén se pode atopar en quen desenvolve un interesante traballo no eido da ilustración. Adentrarse na galería viguesa Apo’strophe e enfrontarse ás obras de Belén Padrón é formar parte da súa propia pintura, percorrer esas superficies de gran tamaño sentíndose parte dun relato, ese que ela mesma explica a xeito de «unha viaxe, un tránsito, un cambio», como un proceso no que o cadro ou cadros establecen no diálogo coa pintora a súa propia estratexia a través dun itinerario no que dende esas imaxes a artista procura no seu interior toda unha serie de compoñentes que nutran o cadro por enriba da imaxinación.

Este proceso aumentouse nos últimos tempos, atopando a artista unha maior inspiración no real, reflectindo a súa contorna con naturezas ou ramos que amosan a relación coa súa nai como forza que suministra eses motivos e que permiten condensar neles ese elo imposible de murchar entre unha filla e unha nai. Ao tempo a artista propón a valorización deses momentos fundamentais do día, aqueles que o propio Julio Cortázar suliñaba no seu libro, e que Belén Padrón recupera dende o enfrontamento coa beleza ou «a vertixe dun acto de amor», como ela mesma di.

«Todas as vidas nunha soa. Todas as vidas nunha flor. Todas as vidas nas flores da miña nai», escribe a pintora como argumentario final das súas obras, desas pinturas nas que os títulos ‘Mar de pétalos que mecen o perfecto agora’, ‘Flores para el abuelo’ ou ‘Caminando por la Tomba’, abren o camiño para seguir abrindo as posibilidades do cadro, presentándolle ao espectador toda esa paisaxe que enguedella o real e o imaxinario, o valor da memoria ou as experiencias que xorden ao longo da vida, e xunto a todo iso o goce dos sentidos co que adoita engaiolarnos a artista mediante os seus trazos, as súas cores e sobre todo cómo se enfronta á representación, creando un tratamento moi orixinal e propio da natureza que cando pensabamos que xa non daba para máis no campo da plástica, grazas a ese pintar de vagar, cunha forte carga teórica, á experimentación con materiais que crean brillos ou reflexos que fan mudar o cadro en función da nosa posición ante el, permite representar novas conquistas dende o seu potencial histórico como motivo artístico.

Ese goce que percibe o visitante á exposición é o que se contaxia dende o propio labor da artista. Percíbese en Belén Padrón un goce do que fai, desas horas e horas ante o lenzo, do traballo no estudio que pouco a pouco vai colonizando como un organismo vivo a superficie do cadro. Asemade, na exposición atopamos outro interesante vieiro no seu traballo, unha serie de debuxos que trasmiten esa enerxía da autora, ao tempo que aparecen dotados de lixeireza e dunha sutilidade que lle senta moi ben a todos eses motivos naturais de pequeno formato pero de grandes posibilidades de cara a un proxecto futuro máis amplo.

Visitar ‘A volta ao día en 80 flores’ supón entender dende a pintura o que supón o goce de vivir, de crear ou de entender unha paixón como parte das 24 horas dun día nas que todo se pode resumir na beleza dunha flor.