Os fogos do Apóstolo fascinan un ano máis a composteláns e visitantes

A proxección sobre o Pazo de Raxoy realizou un percorrido narrativo que comezou no traslado dos restos do Apóstolo desde Palestina ata Galicia.

Espectáculo de luces y pirotecnia en el Obradoiro. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Espectáculo de luces e pirotecnia no Obradoiro. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O espectáculo lumínico, sonoro e visual en honra ao Apóstolo de Santiago fascinou na noite deste martes a miles de persoas na praza do Obradoiro, meta de todo peregrino, ao mostrar o nacemento da tradición xacobea cunha visión cinematográfica chea de cores e efectos en tres dimensións. 

O relato, que abriu a xornada do 25 de xullo, Día de Galicia, estivo dividido en catro tempos, con música en directo do grupo folclórico Cantigas e Agarimos, e finalizou cunha secuencia de dez minutos de fogos artificiais, composta por 366 quilos de pólvora e 6.000 efectos de disparo.

Durante os 30 minutos que durou a proxección sobre o Pazo de Raxoi, realizouse un percorrido narrativo sen voz en off que comezou no traslado dos restos do Apóstolo desde Palestina ata Galicia.

As imaxes en 3D dunha pequena embarcación sobre a pantalla de pedra mostraron como uns navegantes levan consigo os restos mortais da figura santa e pasan por unha tormenta que case provoca un naufraxio.

Despois, reflectiuse como un eremita distingue unhas luminarias entre o verde do bosque Lebredón e acha desta forma o antigo sepulcro.

O relato continuou co xurdir do Camiño de Santiago, creado desde as estrelas e que finaliza na catedral.

Dez minutos de fogos artificiais, compostas por 366 quilos de pólvora e 6.000 efectos de disparo, puxeron fin ao espectáculo

Os 50.000 watts de son estremeceron o chan da Praza do Obradoiro coa chegada das tropas de Almanzor á cidade, seguida do incendio da igrexa prerrománica.

A singular montaxe, que correu a cargo da empresa Acciona Producións e Deseño, tamén contou o xurdir dalgúns dos monumentos emblemáticos da cidade situados na propia praza do Obradoiro, como o Hostal dos Reis Católicos ou o pazo de San Xerome.

Finalmente, a historia desembocou na Festa, momento no que membros do grupo folclórico foron aparecendo en seis fiestras da actual sede do Concello antes de dar inicio ao espectáculo de lumes de cores.

"A verdade é que vale a pena vir velo", recoñeceu unha nai de familia tras a exhibición presente na praza.

Como ela, centos de persoas subíronse a un tren ou un coche con amigos e familiares xa pola mañá para achegarse á capital galega e gozar do espectáculo na Praza do Obradoiro en directo. 

"Levamos toda a tarde aquí sentados porque queriamos asegurarnos de velo en directo", contou un turista a Efe, quen engadiu que "non parou de chegar xente en ningún momento".

Con todo, non todos os que se achegaron a Santiago puideron gozar da proxección debido á limitación de espazo e, ao contrario que en anos anteriores, esta vez non se volverá a proxectar por motivos económicos, aínda que os lumes se se repetirán o día 31.

Comentarios