Aumenta un 19% a venda de contraetiquetas no D. O. Monterrei

O primeiro semestre do ano 2009 culmina na Denominación de Orixe MONTERREI cun saldo moi positivo ao comercializar ata xullo 607.600 contraetiquetas, mentres que no mesmo período do ano pasado comercializáronse 509.300 o que constitúe un incremento de máis do 19 %.

En termos relativos  MONTERREI é o D.O. con maior porcentaxe de exportacións das catro  que teñen presenza en Ourense, situándose estas próximas ao 40%.

O Presidente do Consello Regulador, Antonio A. Méndez,  manifestou a súa satisfacción por este incremento na venda de contraetiquetas nestes  momentos tan difíciles para a economia mundial á vez que agradece o bo traballo de adegueiros e viticultores e a súa aposta constante pola calidade para a obtención dos mellores viños amparados pola denominación.

Así mesmo Antonio A. Méndez valorou moi positivamente o traballo desempeñado este ano recordando algunhas das actuacións realizadas, como a presenza dos viños de Monterrei en acontecementos como: FEVINO en Ferrol, o XXIII Salón Internacional de Club Gourmet de Madrid, VINIS TERRAE en Ourense, Catas con Maridaxe en Santiago ou a Feira ''Con Queixo pan e Viño, Ven ao Camiño” celebrada en Ribadeo, a participación no X CONGRESO NACIONAL DE INVESTIGACIÓN ENOLOGICA ou no Panel Empresarial ''POSIBILIDADES DO ENOTURISMO'', tamén recordou a visita das Misións Inversas de EE.UU, Bélxica e Luxemburgo, a adhesión da denominación de Orixe ao programa Pan-Europeo ''Viño con Moderación – Wine in Moderation'' ou os numeroso premios obtidos este ano por varias das adegas amparadas, desexando facer unha especial mención á exitosa presentación da anada 2008 cualificada de ''moi boa'' e que  realizo  o Consello Regulador da Denominación de Orixe MONTERREI na ''Casa de Galicia'' en Madrid contando coa presenza de numerosas personalidades do mundo da gastronomía, hostalería, xornalismo, cultura e colectivos galegos en Madrid, entre outros.

Comentarios