A Faba de Lourenzá, 'especie' protexida

fabalourenza_col1.jpg
photo_camera fabalourenza_col1.jpg

A Comisión Europea anunciou este xoves que incluíu a Faba de Lourenzá no seu rexistro de denominacións de orixe protexidas.

Esta especie de faba galega obtivo a mención Indicación Xeográfica Protexida (IGP), que acredita que polo menos un dos estadios de produción, transformación e elaboración tivo lugar na área á que se refire a denominación.

A área desta especie abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo, en concreto os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

A Faba de Lourenzá presenta unhas calidades específicas que a diferencian doutros produtos da mesma especie vexetal, debido ás condicións edafológicas e climáticas da zona e as técnicas de cultivo mediante as que se produce a faba.

Xunto coa Faba de Lourenzá, o Executivo comunitario engadiu á súa lista a cervexa checa Breznicky Lezák e a pasta francesa Raviole du Dauphiné.

Estes produtos pasan a engrosar a lista de 850 xa protexidos en virtude da lexislación comunitaria para protexer lugares xeográficos, denominacións de orixe e produtos de especialidade tradicionais.

Comentarios