Preto de 70 marcas do D. O. Rías Baixas concursan na XXI cata de viños de Galicia

Máis de 200 viños de todas as Denominacións de Orixe concorren ao principal certame do sector na Comunidade galega, a Cata dos Viños de Galicia, que terá lugar en Santiago de Compostela do 7 ao 11 deste mes de setembro. O concurso está organizado pola Consellería do Medio Rural co obxectivo de potenciar os viños e augardentes protexidos e fomentar o recoñecemento público da súa calidade. A recollida das mostras que participan deu comezo o luns nas zonas de produción das Denominacións de Orixe Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

A Cata chega este ano á súa 21 edición coa participación de 208 viños de 141 distintas empresas. Tres equipos de traballo independentes formados por técnicos da Consellería e dos Consellos Reguladores percorrerán as 5 zonas de produción para recoller, selar e trasladar a Santiago as mostras das diferentes categorías en que se organiza a Cata, viños brancos, tintos e colleiteiro. Recóllense as mostras para a XI Cata das Augardentes de Galicia e o VIII Concurso de Deseño e Presentación, actividades que se celebran conxuntamente coa XXI Cata dos Viños de Galicia.

Na Cata dos Viños e das Augardentes de Galicia participan unicamente viños e augardentes galegos amparados por Denominación de Orixe. Realízase mediante o sistema de cata a cegas, de modo que o anonimato das mostras mantense ata o final do concurso. A Cata é a principal actividade anual do sector, e a única que en Galicia reúne a todas as denominacións de viños e augardentes.

Para os premios da Denominación de Orixe Rías Baixas concursan este ano un total de 68 viños de 49 adegas. Destes, 65 competirán entre eles polos Acios de Ouro, Prata e Bronce; e co  resto das denominacións por conseguir o galardón de Mellor Branco e Mellor Tinto de Galicia. Os 3 restantes mediranse para obter os premios da categoría de Viños de Colleiteiro.

A recollida das mostras acaba este xoves, 3 de setembro na zona de produción da Denominación de Orixe Ribeiro. As mostras de viños e augardentes trasládanse ao CIFP Compostela, en Santiago, onde se celebrarán os concursos na semana do 7 ao 11 de setembro, coa participación de 25 catadores para viños e augardentes; e 7 expertos para cualificar o deseño e presentación de botellas e etiquetas.

Comentarios