O mellor boi de Betanzos na Asador de la Vega de Madrid

O Asador de la Vega de Madrid, en Alcobendas, organiza desde o luns 23 a Semana Gastronómica da Carne Galega, que durará ata o sábado 28 de febreiro.

Trátase da primeira edición da mesma e, segundo o seu dono e xerente, o estremeño Luciano Gómez, espérase unha gran afluencia de público, tanto galego como das zonas próximas.

O menú constará principalmente de carne de boi, que se serve a razón dun quilo para cada dúas persoas. O prezo do prato para os dous comensais será duns 80 euros.

Carne e viño
Dentro deste menú estarán tamén incluídos os entrantes e sobremesas, que non serán galegos, e os viños que porá o restaurante. Gómez explica que contan cun gran abanico de viños brancos galegos, aínda que para a carne ofrecerán caldos Ribeira do Duero e tamén Riojas.

''No entanto, o punto principal será a calidade da carne vermella que ofertaremos e os bos viños tintos, que para a carne van moi ben'', manifestou Luciano Gómez.

A carne do menú procede dun matadoiro de Betanzos e, segundo manifesta Luciano Gómez, a idea de celebrar estas xornadas veu de alí. ''Nós compramos sempre a carne en Galicia, a un matadoiro de Betanzos, e a través da persoa que nos serve esta carne xurdiu a idea de organizar esta semana gastronómica.''.

Publicitar o negocio
Gómez explicou que farán diferentes accións de promoción a través de publicidade na prensa para tratar de arrastrar á maior clientela posible.

Así mesmo, Gómez, que se trata dun empresario que leva ligado 44 anos á hostalería, anunciou que para dar a coñecer as xornadas levará ao seu asador a personalidades como o seleccionador nacional de fútbol, Vicente do Bosque, e tamén a diferentes xornalistas do campo deportivo.

O Asador conta cun amplo xardín para os clientes, así como cunha gran zona de estacionamento.

Comentarios