O presidente da Xunta inaugurará o 8 de agosto a IV Feira do Viño de Monterrei

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo inaugurará o vindeiro sábado 8 de agosto a IV Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará ese fin de semana na Praza Maior de Verín. Os organizadores elixiron este ano como pregoeiro ao escritor Xosé Carlos Caneiro.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, os visitantes poderán degustar os viños das 12 adegas participantes. Para iso, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei estableceu para a ocasión uns prezos populares. Así, por cinco euros, terase dereito a catavinos e cinco degustacións, por catro euros poderanse facer cinco degustacións, mentres se fixou un prezo de seis euros por botella de viño.

Como actividades paralelas á feira, o D.O. programou de novo a iniciativa 'Un río de tapas', así como o festival 'Folk e Viño', que se celebrará durante a xornada inaugural, a partir das once da noite, coa presentación do disco 'Alalá do Cebreiro', do grupo Brañas Folk. O domingo, ás dez e media da noite, na praza García Barbón, terá lugar a 'Noite dás músicas raianas de tradición oral'.

A colleita do ano 2008 da denominación mereceu a cualificación de moi boa por un panel de expertos durante a cata celebrada o pasado mes de maio na Casa de Galicia, en Madrid, o que sen dúbida contribuirá a aumentar o número de visitantes que se acheguen ao feiral para probar estes caldos.

Comentarios