A Feira do Viño de Chantada impulsa as catas por videoconferencia

A XXVIII edición da Feira do Viño de Chantada, que se celebrará os días 13 e 14 de marzo, impulsará este ano unha cata de viño por videoconferencia, o que permitirá que máis de 300 persoas participen nela a través de 8 tele-centros de Galicia. Así o expuxo o presidente da comisión organizadora do certame chantadino, Xosé Manuel Ledo, no transcurso da presentación deste evento que tivo lugar na Deputación de Lugo.

Ademais, a organización programou para os días previos conferencias sobre o sector agrícola e catas comentadas por recoñecidos enólogos que terán lugar en distintos negocios de Chantada.

Na presente edición, que pregoará o alcalde do Porto, participarán 15 adegas e poranse á venda unhas 20.000 botellas de viño elaborado con uva mencía e previamente cultivado nas 1.200 hectáreas da subzona da Riberia Sacra de Chantada.

Á tradicional xornada festiva está prevista a asistencia dos alcaldes das principais cidades de Galicia, e a comisión organizadora adiantou que Chantada tamén celebrará, no próximo outono, a primeira Festa da Vendima na que se honrará a figura do Carreteiro, que, segundo Ledo, é a persoa que desempeña o oficio ''máis difícil'', trasladando as uvas polos empinados bancais onde se cultiva este produto.

Comentarios