Ribeira do Douro e os produtos galegos triunfan en Santiago

maridaje_col1.jpg
photo_camera maridaje_col1.jpg

A Denominación de Orixe Ribera del Duero presentou os seus viños en Santiago de Compostela a través dun acto no que os viños ribeiregos se maridaron cos produtos agroalimentarios galegos de Calidade Diferenciada. O acto contou coa asistencia dun gran número de adegueiros da Ribeira, numerosos medios de comunicación e sumou mais de 200 invitados procedentes do sector da distribución, hostalería, restauración e representantes do ámbito da gastronomía galega de calidade.

A posta de longo da  Denominación de Orixe tivo lugar na tarde do pasado luns 23 de novembro no Parador Hostal Dous Reis Católicos de Santiago. O Chef Daniel Turrado da Huerga, Xefe de Cociña do Parador realizou unha exhibición de alta cociña elaborando 14 pratos que incluían 19 produtos galegos de calidade diferenciada como principal materia prima, os cales se serviron acompañados dos viños da Ribeira do Douro.

O Presidente da Denominación de Orixe, José Trillo, destacou a boa sintonía que existe entre as distintas marcas de calidade, ao considerar que os produtos que ofrece tanto Ribeira do Douro como todos os produtos galegos de calidade diferenciada ''son inimitables e imposibles de deslocalizar''. Neste sentido, subliñou que o consumidor, cada vez con maior frecuencia, busca produtos de orixe garantida e de maior calidade. ''Hai unhas características que os definen e diferéncianos. Xa que logo son industrias que non se poden deslocalizar'', engadiu.

Invitados satisfeitos
No acto déronse cita tamén diversas autoridades do Goberno Galego, o concello de Santiago de Compostela, e reputados restauradores e adegueiros dos principais establecementos hostaleiros galegos  e da distribución de viños.

Unha das novidades que destacou nesta presentación foi a participación das escolas de hostalería. Días antes do evento e da man de expertos enólogos do Consello Regulador, foi impartida unha charla e unha cata de introdución aos viños Ribeira do Douro, todo iso no Centro Superior de Hostalería e na Escola Lamas de Abade, ambas as situadas en Santiago de Compostela. Así, un alumno previamente seleccionado por cada escola propuxo unha receita para este acto, a cal, e baixo a supervisión de Turrado da Huerga, serviuse durante a maridaxe.

Durante todo o evento os invitados tiveron a oportunidade de degustar os viños procedentes de 48 adegas da Ribeira do Douro. O acto foi presentado por Miguel Vila, xornalista gastronómico de recoñecido prestixio no sector alimentario e do viño.

Comentarios