Termatalia supera a crise e pecha a súa edición máis internacional

Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, pechou este domingo as portas da súa novena edición logo de tres días convertida no centro de atención do turismo de saúde e da industria termal a nivel mundial. Coa presenza de 241 expositores de 31 países, unha trintena de turoperadores, un centenar de axentes de viaxes de Galicia, España e Norte de Portugal e máis de 3.000 profesionais do sector, as cifras desta edición superan ás anteriores.

Patrocinado polo IGAPE, Termatalia estreou nesta edición un Centro de Negocios Virtual que permitiu que a Bolsa de Contratación Turística rexistrase máis de 500 citas de negocio entre turoperadores e expositores. A falta contabilizar as últimas visitas, a organización calcula que foron 15.000 as persoas que se achegaron ata Termatalia desde o pasado venres.

Estes datos veñen a demostrar que o estado do turismo de saúde é bo e que se converteu nun sector de futuro, ''que xera negocio, dinamiza a economía e axuda a desestacionalizar a oferta turística'', explicou o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Roberto Varela Fariña, durante a clausura oficial do evento.

Durante este acto, o conselleiro destacou que a ''auga é o recurso endóxeno máis exclusivo de Galicia e un potente instrumento de reequilibrio territorial, xa que os balnearios en Galicia sitúanse en zonas rurais, moitas delas na provincia de interior''. Co pensamento posto no Xacobeo 2010, Roberto Varela anunciou que o Goberno galego traballará para que os miles de turistas que se prevén visiten Galicia o ano que vén poidan gozar dunha oferta descentralizada e que non só visiten Santiago, senón que teñan a oportunidade de coñecer outras posibilidades, entre as que destaca o turismo termal.

Novidades do evento
No referente á industria termal, a feira presentou as últimas novidades en equipamentos, tecnoloxía e I+D aplicada aos centros termais como; bañeiras de hidroterapia; cápsulas de osixenoterapia con funcións que van desde a relaxación ata as terapias de soño, de adelgazamento, anti-idade ou de tratamento da dor ou bañeiras ''multispa'' que ofrecen todos os servizos dun spa en pouco máis de dous metros cadrados.

Moitas destas novidades estaban expostas no Balneario que presentaba ao público todas as opcións que ofrecen os centros termais. Ademais da piscina e a zona de relaxación, este espazo presentou equipamentos como o baño turco, saunas finlandesas, cabisaunas, plataformas vibratorias, cadeiras de brazos calefactados, equipos de electroterapia e fisioestética, etc.

Entre as áreas preferidas polo público volveron destacar a de Fisioterapia, onde os profesionais do Colexio de Fisioterpeutas de Galicia e os alumnos da Escola Universitaria da Coruña impartiron máis de 600 tratamentos, e o Bar de Augas, onde puideron probrase máis de 20 marcas de auga envasada de distintos países.

Comentarios