Vinis Terrae consolídase como o gran centro mundial de negocios para o viño e os licores galegos

A segunda edición de Vinis Terrae, Salón dos Viños e Licores de Galicia pechou o pasado martes 9 de xuño as súas portas logo de haberse convertido nun centro internacional de negocios para os viños e licores galegos de calidade. Nas dúas xornadas de feira /8 e 9 de xuño) , as 78 adegas presentes no salón (e adscritas a algún dos seis consellos reguladores de Denominación de Orixe de Galicia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas e licores e Augardentes Tradicionais de Galicia) mantiveron máis de 1.000 citas directas cos importadores e compradores que participaron na misión organizada por Vinis Terrae, ás que hai que engadir as entrevistas que os expositores mantiveron cos profesionais da hostalería, distribución e restauración que visitaron.

A produción que presentaron neste salón as adegas expositoras superou os 15.500.000 litros de viño e licores galegos de calidade cuxos prezos medios ían desde menos de 2 euros ata os 40, cubrindo así todos os segmentos comerciais, desde viños novos da última anada ata outros de barrica, tostados ou augardentes envellecidos.
 
Ademais de compradores nacionais procedentes de máis dunha ducia de comunidades autónomas, participaron neste salón importadores procedentes de 19 países interesados nos viños e licores galegos: Alemaña, Bélxica, Brasil, China, Corea do Sur, Dinamarca, España, Estados Unidos de América, Finlandia, Xapón,  Luxemburgo, Malaisia, Países Baixos, Portugal, Porto Rico, República Checa, Rusia, Suecia e Suíza.
 
A participación de Bélxica e Luxemburgo no salón materializouse grazas á misión comercial inversa que a Cámara de Comercio de Ourense organizou con estes países coincidindo coa celebración de Vinis Terrae. Participaron nesta misión 15 importadores e 2 prescriptores de opinión de medios de comunicación especializados no sector do viño.
   
Programa de actividades

Entre as accións levadas a cabo nesta segunda edición destacou a presentación teórico-práctica de cada unha das denominacións de orixe galegas. O importador recibiu unhas nocións básicas sobre as características dos viños e licores dos seis consellos reguladores galegos (Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Rías Baixas e Licores e Augardentes de Galicia) para que puidesen elixir aqueles caldos que mellor se adaptasen ao mercado para o que traballan. Cada Consello Regulador presentou os seus viños dúas veces, unha cada día, co obxectivo de que puidesen asistir a elas os compradores e profesionais que só visitaron o salón durante unha xornada.
 
A Asociación de Catadoras de Galicia, Gallaecia, organizou durante a primeira xornada de feira, o luns 8 de xuño, unha cata de licores e bagazo puntuable para os premios ''Distinguidos Gallecia''. Pola súa banda a Unión de Profesionais Autónomos de Galicia, UPTA-Galicia, celebrou unha mesa redonda sobre ''Novas oportunidades de negocio para os viños galegos nos mercados de proximidade'' que impartiron expertos na comercialización exterior de viño.


Entidades colaboradoras
 
A segunda edición de Vinis Terrae volveu contar co patrocinio da Consellería de Medio Rural, e co apoio da Cámara de Comercio de Ourense. Estas entidades colaboraron no traslado de visitantes a Vinis Terrae para que estes coñecesen dun xeito directo e personalizado os viños e licores galegos.

Comentarios