Opinión

Colonos que se desorientan na noite

Brais Lamela ten espírito de pioneiro. Marchou de Vilalba a Italia con 17 anos. Con 28 tivo  xa tempo de pasar por Cambridge, no Reino Unido, e de voar á universidade norteamericana de Brown, como paso cara a Yale. En 21 anos non atopou outra canle para volver a Galicia que a emoción. Fala sobre emigrantes que non regresaron na novela Ninguén queda.

NEGUEIRA DE MUÑIZ cose a cicatriz fronteiriza entre Galicia e Asturias nun ámbito de montañas. Brais Lamela (Vilalba,1994) vén de publicar unha novela,  Ninguén queda (Euseino?), situada na metade da ruta entre Nova York a Negueira, en liña recta, segundo se atravesa o océano Atlántico. Brais é unha diáspora. Marchou a Italia con 17 anos.
—Un profesor falounos de pasada dos colexios Mundo Unido, nos que se estuda Bacharelato Internacional. Chamoume a atención. Sen saber concretamente o que era pedín unha bolsa de estudos. Foron dous anos marabillosos. No colexio de Duino, cerca de Trieste, eramos douscentos rapaces de oitenta nacionalidades. Despois conseguín outra bolsa para Cambrige e, ao rematar, unha axuda para facer o doutorado en Estados Unidos.


O seu campo é a literatura que escribiron os indíxenas en México e Perú no século XVI. Os autores valíanse do alfabeto europeo para escribir nas súas linguas, como Guaman Poma de Ayala, autor da Nova crónica y buen gobierno.
—Moita xente pensa que case non hai autores en quechua ou en nahua, pero hainos.
Eu pensábao.


Lamela non traballa unicamente sobre a causa, a lingua, e a consecuencia, a literatura. Está tamén interesado no campesiñado, no territorio e no rural. O seu pai é de Ponte de Outeiro, na Terra Chá. Para visitar á casa paterna saían de Vilalba e pasaban polo Arneiro. A Terra Chá é unha paisaxe de ollada longa e plana que se estende entre Lugo e A Mariña. Tamén é un lugar onde chegaron nos anos 60 colonos os que a ditadura obrigara a abandoar as súas casas nas montañas, en lugares de Negueira de Muñiz, como Ernes ou Foxo,  cando o encoro de Grandas de Salime se encheu de auga anegando aldeas, campanarios, memorias e anceios.
—A miña familia non procede desa zona nin teño parentes no Arneiro; pero sempre me chamou a atención.

O protagonista vai na procura dunha muller desaparecida nun asentamento da zona de Arneiro, aínda que o lastra a enfermidade do pai


Ninguén queda comeza cun rapaz galego sometido a un verán de calor intransixente en Nueva York e  continúa no frescor dos soutos nas montañas de Negueira de Muñiz. O mozo vive no sopor da cidade, mantense con ocupacións precarias e investiga a colonización, onde se entrecruzaron o ámbito íntimo de desaloxar a casa propia e o ámbito político dunha marcha obrigada polas autoridades. O protagonista vai na procura dunha muller desaparecida nun asentamento da zona de Arneiro, aínda que o lastra a enfermidade do pai. A idea do autor é conectar a Terra Chá con Estados Unidos.
—Son situacións distintas, pero nos dous casos chegan a un territorio hositl. Ao principio era monte comunal e houbo que rozar todo. Foi duro. Na novela trato de reflectir o difícil que foi para a xente maior deixar a casa e asentardse na colonización. Había xente que se erguía en medio da noite e aparecía pola mañá perdida no monte. Moitos preferían ter quedado en Negueira de Muñiz, aínda que tivese que atravesar o encoro nunha barca. Para as persoas novas todo foi a mellor, foilles ben co gando. Predomina a visión negativa, os que non se adaptaron á imposición da ditadura. Tamén se intentara na illa de Ons e en San Simón, pero soamente funcionou na Terra Chá porque foi sistemático. Os colonos tiñan que pagar uns préstamos elevados que duraban trinta anos, que daquela eran moi longos. Era o xeito de telos collidos. Tardaban tanto en pagar que non podían marchar. Asentaban a poboación dun xeito forzado. A colonización responde á idea do réxime, de cambiar o xito de vida labrego, de producir para a subsistencia a producir para o mercado. A Terra Chá eran dura porque os silos eran altos e no rego había que soster os canos, o traballo era máis extensivo do que eles pensaban.


Pouco anos máis tarde, nos 70, aquela beira do encoro que quedara abandonada empezou a recibir outros colonos. Eran rapaces que soñaban con vivir na banda exterior da tanxente capitalista creando unha comuna na que compartirían os esforzos e os alimentos. O experimento, que xa intentara a humanidade a pequena escala cristiá e a grande escala comunista para fracasar, deixou de funcionar un día. A comuna disolveuse.
—Visiteina un día. Atopei un rapaz de Lugo, un perito agrícola, que era dos primeiros que chegaran. Conta que el non tivera problemas porque a súa familia marchara a Asturias, pero houbo quen se tirara ao pozo porque non quería marchar.

Unha boa porcentaxe seguen sendo estranxeiros que atoparon entre as montañas de Galicia e Asturias o Paraíso Extraviado nun despiste da infancia


Cando eu coñecín aquelas montañas, hai un cuarto de século, a comuna xa rendera as armas da ilusión e os idealistas se amoldaran a vivir por parellas en casas familiares. Para cruzar ao outro lado do seu mar interior tiñan que conducir máis dunha hora ou remar os trescentos metros que os afastaban de Casa Vizcaín; que era o ultramariños onde compraban o penso, os chourizos e as cervexas. Brais dime que agora teñen pista e luz eléctrica, que a vida é máis amable; dime que hai máis xente que cando eu subira, que unha boa porcentaxe seguen sendo estranxeiros que atoparon entre as montañas de Galicia e Asturias o Paraíso Extraviado nun despiste da infancia. Cando deron  con ela estaba durmido, coa cabeza apoiada nas mans, coma unicamente durmen os nenos que ignoran a ansiedade, a fame e o futuro.
—Había alemáns, bastantes do País Vasco; dous rapaces que puxeron unha panadería e contaban as dificultades para o reparto.


Eu subira a Vilauxín a fins do segundo milenio. Un sendeiro gatuxaba arduamente unha ladeira, coma un xogo da oca pedregoso. Lembro o sol paralizándome a cabeza coa mirada de raios X; lembro os coios que me asaltaban ao paso; lembro a sede frustrante; lembro sentir arriba unha parella dialogando a berros porque el perdera un remo da barca volvendo á casa tras unha tarde de troula en Casa Vizcaín; lembro calcular o que custaba un remo no Carrefour coa soberbia de quen ten unha nómina urbana; lembro darme logo conta do esforzo xeográfico e económico que lles suporía baixar a Lugo nunha viaxe de tres horas para mercar un remo novo, sobre todo, estando mancos de remos para navegar o encoro de Grandas. Ese recordo levoume a outro, á primeira vez que fun, aínda recén nacidos os anos 90; ao recordo, dicía, de nenos de 7 ou 8 anos, como os que eu non tiña aínda, vestindo chaleques amarelos para subir a unha lancha longa que lles regalara a Deputación de Lugo coa fin de asistir á escola en Negueira; lembro a aula, uns vinte nenos espabilados, todos xuntos, sen criterio de idade, falando en grupiños de irmáns nas máis ásperas linguas da Europa Continental.


Vexo a Brais Lamela movendo os beizos, emitindo sons artellados; sopro cinza sobre as miñas lembranzas e volvo escoitalo.
—Agora todo é mellor grazas á pista. Comercian con verduras. Cando cheguei estaban reunidos nun xantar comunal.
Lembro dous nenos, nin sequera terían dez anos sumando as súas idades, subindo a un muro e saltando dende arriba, encharcándose na terra seca. Ignacio Vilar rodaba Vilamor. A nai estaba dentro dunha casa fresca de pedra, lograra atrapar na brisa o sinal de internet. Os cativos ben administraban os riscos ao seu breve e inocente entender.
—Están facendo un crowdfunding para rehabilitar un edificio comunitario —infórmame o novelista chairego.


O ano pasado Lamela emigrou de Cambridge a Yale. Estivo dando clase sobre as culturas do mundo ibérico na Idade Media no Século de Ouro.
—Tiña alumnos latinos, algúns descendentes de indíxenas; xa non falan español. Descubriron con orgullo a literatura en español e nas linguas indíxenas; tamén lles ensinei textos medievais en galego-portugués e catalán. Faleilles da Nueva crónica, que son 1.000 páxinas con 400 ilustracións nas que Guamán Poma de Ayala describe o mundo andino ao rei para pedirlle melloras. O autor era administrador do Imperio e axudou no que chamaban "extirpación de idolatrías" co poder da palabra escrita.

Comentarios