Opinión

Morte accidental dun copiloto

Os coches aceleran na recta da antiga estrada francesa D606, na Borgoña. Carecen de motivo para ir a modo. Nada, nin unha placa, indica que alí morreu un premio Nobel. Algúns automobilistas saben quen foi Albert Camus. A banda de asfalto avanza entre plataneiras, xunto a latas oxidadas e unha botella de wishkey.
Cándido Pazó. JAVIER CERVERA
photo_camera Cándido Pazó. JAVIER CERVERA

O EDITOR Michel Gallimard conducía un Facel Vega coa muller e a filla detrás cara á Paris o 4 de xaneiro de 1960. Ao seu carón viaxaba  Albert Camus. Unha roda rebentou. O coche foi bater contra unha árbore. O escritor, que sempre fora actor principal na sociedade, padeceu unha morte de copiloto, secundaria. Un copiloto falece sen decidir nada, sen ter a oportunidade do último volantazo que se reserva o condutor. O copiloto debe entregarse fatalmente ás consecuencias das decisións alleas, subsidiariamente.

Ás veces pasa cos detidos. O anarquista Giuseppe Pinelli caeu desde o cuarto andar da comisaría central de Milán, tras ter sometido a un interrogatorio de varios días en relación aos atentados de Piazza Fontana. Os axentes explicaron que Pinelli sufrira un delirio, polo que os xuíces procederon a arquivar o caso. O pasamento accidental non ten definicón propia nos diccionarios. "No coñezo nada máis idiota que morrer nun accidente de automóbil", declarou Camus o 3 de enero de 1960, pensando en Fausto Coppi, despois de que algúns diarios europeos publicasen por erro que esa fora a causa do seu falecemento. A causa fora malaria, que o levou nun hospital. Il Campionissimo foi o primeiro ciclista en gañar o Giro e máis o Tour no mesmo ano, en 1949. Repetiu a fazaña tres anos máis tarde.

Comento ao dramaturgo Cándido Pazó que Camus escribiu A peste durante a ocupación alemá de Francia. Esa novela está protagonizada por uns doutores que descubren a solidariedade no labor humanitario que desenvolven na cidade alxerina de Orán, mientras está azoutada por unha pandemia. Camus inspirouse na peste que sufriu a cidade en 1849, tras a conquista polos franceses. Hai un paralelismo entre a enfermidade, que paraliza e reclúe á poboación, e o sometemento aos nazis. Cándido fai unha observación:
—Pero el nunca dixo que estivese baseada no nazismo; máis ben trata sobre a Segunda Guerra Mundial, sobre o nazismo e tamén sobre o estalinismo; sobre todo tipo de conmoción brutal. El dá claves sobre a Resistencia Francesa. Eu quería ir máis alá da Segunda Guerra Mundial.

O dramaturgo e actor interpretou outra pandemia hai uns anos, coa súa versión de O decamerón de Bocaccio

O Centro Dramático Galego encargou a Pazó "unha montaxe sobre o xeito no que a conmoción colectiva afecta ao individual". 
—Eu estaba coa representación de As cigarreiras e non me vía con forzas para ter un texto escrito e ensaiado a tempo.
A solución acabou sendo levar ao teatro a novela A peste de Albert Camus. 
—Lera esa novela con vinte e pico anos. Pedín doce actores, pensando que me ían dicir que non.
Dobráronlle a aposta: "Dámosche quince".
—Tiven unha visión da adaptación dun coro grego cun concepto de cidade que habitan dez ou doce persoas. É a idea do colectivo, unha alegoría do comportamento humano ante as conmocións grandes

O accidente que levou a vida de Camus foi unha conomoción con retardo. Os periodistas franceses estaban en folga, pola radio soaban cancións vellas de Charles Trenet (La mer) e Edith Piaff (La vie en rose). Logo de estoupar a desgraza, a emisora pública, Radio France, dedicoulle horas de homenaxe.
— Estamos vivindo unha peste –observa Cándido Pazó–. Eu quería ter coidado con non facer referencias ao covid. En A peste hai confinamento e medidas que se toman por causa de forza maior. Tiven na cabeza ir máis alá do concreto cunha música, facer unha escoita viva e activa. Trataba de explicar como nos comportamos cando a normalidade deixa de ser referencia. A debacle colectiva condiciona todo. A xente saca o mellor e o peor de si.

O dramaturgo e actor interpretou outra pandemia hai uns anos, coa súa versión de O decamerón de Bocaccio. A obra fala da peste negra que padecera Florencia a mediados do século XIV. Uns grupo de rapaces marcha a unha vila no campo para eludir o contaxio. A fin de aliviar o paso aburrido do tempo nárranse un cento de relatos sobre o amor, a astucia e a fortuna.
—O material do Decamerón son eses contos con ese punto de partida concreto dese momento.

Albert Camus tamén se divertía e sufría cando era mozo. Xogaba unhas catro horas diarias ao fútbol cunha pelota de escuma

Cándido Pazó revela que escoulleu relatos que lle gustaban fronte a outros "complicados de ler". A vantaxe é que o seu criterio non será cuestionado porque, apunta, "hai menos xente que leu O decamerón que xente que leu A peste. Algúns espectadores releron o libro de Camus para asistir á función".
—A novela ten unha lectura amena, bonita: é doado conectar. Quería reflectir a carga reflexiva e o ameno da lectura. Non incidín no cómico. Sigo aberto á traxedia, é un tobogán de emocións.  A peste non é unha comedia. É marca da casa mesturar o agrio e o doce. Necesito divertirme no senso de sentirme vivo e a gusto.

Albert Camus tamén se divertía e sufría cando era mozo. Xogaba unhas catro horas diarias ao fútbol cunha pelota de escuma. Era especialista en regatear entre rivais e árbores no patio colexial, e no pase curto; polo que xogaba de diantero. Pero practicar deporte tiña consecuencias nun fogar pobre. A tiránica avoa revisaba cada noite as solas das alpargatas. Facía restalar un látego se as atopaba gastadas en exceso, algo que acontecía a miudo.

Escribe unha escena de fútbol en A peste. Cándido Pazó inclúe esa parte na montaxe, pero faille cambios:
—Van ao estadio. Hai unha taberneira, quixen meter máis mulleres porque era un mundo masculino. A cidade defínese coa presenza femenina tamén. Hai un porteiro, Señor Michel, é a Señora Michel e unha mestra que narra. A Señora Michel ve o equipo a punto de subir, a peste é unha traxedia para ela. Uns pensan no negocio, outros na saúde, nos proxectos de futuro suspendidos,...  a obra trata de como vivimos isto.

A maiores de A peste, As cigarreiras –baseada e La tribuna de Pardo Bazán– e o monólogo Mocos, está preparando Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, a petición de Talía Teatro. A nova peza, estreada en decembro de 1970, retrata a un "tolo sensato" que, casualmente, se atopa na xefatura de Policía por impostor. A súa capacidade de fabulación e lucidez permitenlle desmontar o falso relato policial dun suicidio. "Teño que remozar o texto porque é moi coxuntural", apunta Cándido Pazó. O autor e intérprete de Vigo mantén a esperanza no teatro. Volvemos ás funcións de A peste.
—Eu resignárame ao publico de 50 anos, que adoita ser feminino, pero estamos conseguindo publico novo. Imos estar dous meses no Salón Teatro de Santiago. Iso non podes facelo cunha representación dun día en Lugo porque está funcionando grazas ao boca a boca.
—Asistir ao teatro é chamar aos rapaces a un acto de comunicación ao vivo, a unha comunicación en directo. As pantallas saturan.

Darío Fo morreu nun hospital de Milán, dun xeito que non tivo un chisco accidental. Ata uns días antes de morrer seguía escribindo, pintando e acudía a diario ao seu obradoiro para transmitir a súa sabedoría a un grupo de artistas novos: "Soamente me interesa traballar coa mocidade. Dar exemplo". Camus tiña esa intuición. Unha vez escribiu: "A que poderei chamar eternidade senón a todo aquilo que vai continuar tras a miña morte?".

Comentarios