Opinión

Del Riego vai de paseo a París

Quedo na cama unha hora. Cando necesito reconciliarme cunha persoa ou cunha cousa quedo na cama. Concéntrome nos aspectos positivos. Ando disgustado con Madrid; non por Madrid, senón a pesar de Madrid. Toda a conversa pública xira arredor desa palabra. Resúltame difícil abastraerme do diálogo social.
Francisco Fernández del Riego y Álvaro Cunqueiro. REAL ACADEMIA GALEGA
photo_camera Francisco Fernández del Riego y Álvaro Cunqueiro. REAL ACADEMIA GALEGA

A ensaísta turca Ece Temelkuran imaxina en Juntos (Anagrama) un futuro no que o capitalismo colapsa. Todos sabemos que o capitalismo é coma o Opus Dei ou a UPG, que van existir eternamente. O capitalismo leva presente nas nosas vidas desde que os primeiros ocupantes das Covas do Rei Cintolo venderon un cervo que cazaran aos veciños dunha caverna de Zoñán. Estes andaban esfameados naquela primavera pleistocena.

Os disconformes co capitalismo excitan os seus soños fantasiando cunha sociedade na que as necesidades están atendidas e os capricho quedan a man, pero o capitalismo é unha tía rica, pensas que vas herdala e ela acaba organizando o teu enterro. O capitalismo ten a mesma natureza que o teatro: leva funcionando desde os gregos e non houbo unha idea  política nin económica que lograse substituílo. Marx atacou duro, pero foi enterrado o 14 de marzo de 1883 no cemiterio de Highgate ante 11 persoas: dez eran familiares ou militantes comunistas. O outro era Erwin Ray Lankester, catedrático de Anatomía en Oxford e discípulo de Darwin. Ao cabo, Marx tratou de que a sociedade corrixise o azar individualista que describe Darwin en Na orixe das especies.

Temelkuran prefire fantasiar coa conta atrás do mercantilismo Imaxina un mercadiño de feirantes posterior ao colapso. Nada máis puramente capitalista que unhas mesas nas que se ofrecen tixolas de ferro, biscoitos con ovos de Lourenzá e rebarbadoras Bosch. Para a pensadora turca nese saldo final "habería unha morea de libros de autoaxuda sobre o éxito individual e outros, non menores, deses libros que afirman que fracasar non é malo".

O efecto que ten o capitalismo sobre nós e o mesmo que exerce Madrid: non deixa de incomodarnos e non nos libramos de debater sobre el. Así que quedo na cama lendo o ABC porque ese xornal representa o Madrid anterior á estentórea Isabel Díaz Ayuso. É un periódico señorial, anticuado, discreto e ben escrito.

Madrid volveuse un conto cheo de ruído  e de furia. A narradora emite unha cháchara initerrumpida sen principio, nudo e desenlace. A estrutura das obras foi respectada mesmo no momento de maior caos, no barroco. Miguel Ángel Rodríguez aplica o concepto de sociedade do espectáulo de Guy Debord. O filósofo francés explica que as persoas deixamos de relacionarnos como realidades para facelo coma representacións; así que Ayuso represéntase co xesto groso, a idea primaria, a naturalidade do elemental, unha sofisticada ordinariez e un fraude ético. Os moralistas italianos e franceses do século XVIII propoñen que os políticos garden para si a rivalidade cos outros, e que a domestiquen e civilicen mediante a cortesía e a civilidade. Así aconteceu en España durante os primeiros anos desta etapa democrática, pero a política revelouse coma unha competición entre individuos con rotación de papeis inesgotable.

Eugenio Trías explica en Entrevistas 1970-2011 (Galaxia Gutenberg) que o barroco introduce "a teatralización da existencia» como resposta á decadencia da relixión. O declive do catolicismo no século XVII deixounos abandonados, «sen un núcleo de misterio", no medio dunha "pura escenificación". Aínda así, sabendo que Ayuso non deixa de ser un busto parlante, unha estrela de cinema mudo, aburro do escoitar o seu parrafeo irrefreable e a analistas buscando unha liña de pensamento no núcleo da súa locuacidade. A súa natureza é tender á permanencia, coma o capitalismo ou a UPG. Timothy Vinegard relata en El mosquito (Ediciones B) o plan de Mussollini para secar as Lagoas Pontinas, antiga zona de marisma na rexión do Lacio, ao sureste de Roma. Había una pandemia. Non era covid, era malaria. Os labregos tiñan unha vida media curta, 22 anos.O ditador fixo o seu Zendal, a súa colonización da Terra Chá, para erradicar os mosquitos.

Vinegard conta que houbo tres fases: "Na primeira drenáronse ou embalsáronse as lagoas. En 1933 a man de obra forzada alcanzou os 125.000 homes, a maioría eran italianos racialmente inferiores. Máis de 2.000 foron sometidos a experimentos médicos con malaria. Na segunda etapa construíronse caseríos e instalacións públicas, e repartíronse as terras entre os colonos forzosos. Na terceira etapa adoptáronse medidas contra os mosquitos".

A lista de iniciativas megalómanas non cesou: plantouse un millón de piñeiros, fixéronse estacións de bombeo hidráulico e diques ao longo de 16.500 quilómetros. Entre 1932 e 1939 construíronse cinco cidades e 18 aldeas.

"Os italianos son vangarda política", conta Temelkuran. Cando Europa seguía confiada na súa democracia salubre e respectuosa coas diferentes opcións, eles xa elevaran a Silvio Berlusconi ao altar do Quirinale. Desprezan a Descartes, que recomenda no Teatro das paixóns "vivir as paixóns como se fosen unha representación teatral para dominalas". Eles nada teñen que dominar: as paixóns deben gozarse feitas patentes con focos de luz e amplificadas por micrófonos.

Ferrán Adrià vén de abrir elBulli1846 unha fundación sobre comer na que non se come. Representa un xenial salto no baleiro coma montar un mercadiño con saldos do capitalismo. A cociña de Adrià foi unha representación; entendeu que alimentarnos ben non é prioridade. Superamos a malaria e a pandemia. O cociñeiro catalán soubo ver que queriamos sentarnos nun restaurante como se fose a platea dun teatro. Adrià cambiou a Historia da Gastronomía mudando a natureza e a percepción do acto de comer. Deu unha conferencia en Lugo hai cinco anos. Concedeume unha entrevista:

—El restaurante lleva ocho años cerrado y aún me insultan en internet. Usan elBulli hasta para la política. elBulli es como Marte: todo el mundo habla de él, pero nadie ha estado. Era kitsch, sólo tenía cien metros cuadrados; pero era elBulli.

Na charla, informeino de que en Galicia debatimos sobre o tempo de cocción e o xeito de curtar o polbo.

—Nosotros inventamos los helados salados. Si no hay original, no hay ortodoxia.

Recordo esa frase mentres leo Memorias do París literario (Editorial Galaxia) de Francisco Fernández del Riego. Del Riego foi un impulso. Pensaba que a colaboración entre dous elementos crea outro. El convenceu a Álvaro de Mondoñedo para que fose Cunqueiro. Alentou a escrita Merlín e familia e As crónicas do sochantre. Conta a viaxe a París no maio de  1953, logo de recuperar o seu pasaporte. Decide saír do lameiro falanxista que era a Galicia. O primeiro destino, claro, é París, a cidade na que os edficios se costrúen combinados co ceo. Imita a Cunqueiro no estilo e nos temas gastronómicos e trobadorescos. Fala de "Paul Fort, príncipe dos cantores da beira esquerda" e das pontes polas que a cidade se abastece de "viños borgoñóns, os trigos de Brie e a la dos carneiros da Champagne". Trata de emular a Cunqueiro e nin a Álvaro de Mondoñedo chega. Deberíamos confesarnos, neste ano das súas Letras, que a súa magnitude nace de promover, non de escribir.

Nas Memorias lembra o abade Prévost. Xa esquecido daquela, ignorado na actualidade, é o autor de Manon Lescault, inencontrable como libro, escoitable como ópera de Puccini. Del Riego narra que o freire escapa dun convento, goza dos Países Baixos, disfruta de Inglaterra e regresa "arreprentido e contrito". Sorpréndelle que non se convertise nun militante librepensador ou nun reformista poítica. Foi peor.Someteuno o amor. "Os seres humanos déixanse arrastrar por esa paixón e polo azar", lamenta. O amor á anterior ao capitalismo, pero dubido que existise antes que Opus Dei.

Comentarios