domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Sen data de caducidade

A NOVELA non ten data de caducidade, non se esgota, é o modelo arquetípico do xénero proteico. Despois de nacer na época clásica hibernou durante uns séculos para resucitar no Renacemento, tocar teito co Quixote e converterse paso a paso no xénero dominante do mundo literario
imgData

Hai tempo xa que dá o mesmo en que libraría entre un. Pode ser pequena ou xigantesca, pode estar en Nova York ou en Budapest..., pero sempre hai unha novela en primeiro plano e moitas máis a agardar nos andeis.

Perante tal situación o lego podería pensar que definir a novela e facer unha historia dela é tarefa sinxela. Nada máis lonxe da realidade: o xénero é fuxidío, moitos fracasaron no intento e o volume de obras é xa tan enorme que forma un nobelo que arrepía ate o crítico máis capaz. Por todo isto é de gabar o intento que vén de realizar Luis Beltrán, profesor da Universidade de Zaragoza, en Estética de la novela, publicado por Cátedra na súa sempre fiábel colección de Estudos Literarios.

Hai tempo xa que os críticos literarios renunciamos ás teses e os libros monumentais —algúns a repelo– a favor das sínteses nas que o autor sobreentende que o lector ten unha formación e unhas lecturas. Así obra o profesor Beltrán neste libro, que podería ser o triplo en tamaño só con tocar de esguello algúns argumentos pouco coñecidos. Evidentemente isto trae de seu un afastamento do lector casual ou con poucas lecturas, que axiña se vai atopar perdido no medio das referencias a obras que apenas coñece ou que mesmo circularon pouco no mercado español secularmente, como A ilustre casa de Ramires, de Eça de Queiroz. 

Malia esta tacha, agradécese o esforzo de clasificación e síntese. Beltrán non propón unha taxonomía orixinal —é case que imposíbel facelo neste terreo—, pero si define con acerto categorías que noutros manuais non teñen quedado claras, distingue con acerto elementos temáticos e estilísticos e debuxa unha historia con tres camiños: o da novela cortesá —cos seus protagonistas nobres ou da realeza mítica—, o da novela popular —que acada o seu cumio con Cervantes— e o da novela moderna, á súa vez dividido en moitos vieiros que chegan ata os nosos días.

As páxinas dedicadas a obras que, por moito contido narrativo e importancia cultural que teñan, dificilmente se poden considerar novelas

Dende o punto de vista do especialista que mira cara o lector xeral, tres son as obxeccións reais que se poden poñer en canto á escolla das obras por parte de Beltrán. A primeira, as páxinas dedicadas a obras que, por moito contido narrativo e importancia cultural que teñan, dificilmente se poden considerar novelas. Proceden en verdade as máis de dez páxinas dedicadas ao Fausto de Goethe, obra teatral baixo calquera punto de vista que se xulgue? Non nun libro de pouco máis de trescentas páxinas. A segunda, a inclusión dentro do corpus da moi menor Vida de Pedro Saputo, obra aragonesa que queda preto dos intereses do autor e a súa universidade pero lonxe dos de calquera outro.

Porén, a terceira quizais sexa a máis relevante, sobre todo se temos en conta o evidente coñecemento do autor. Trátase da relativa pouca importancia da novela experimental —pénsese en Joyce— e do nouveau roman francés —tan deostado pola crítica oficial española dende hai décadas—. Só isto pon unha nube no que polo demais é un magnífico e despexado panorama do sempre complexo mundo da ficción novelesca, útil tanto para estudantes como para lectores interesados e que, co complemento quizais de obras como as de Darío Villanueva ou Juan Bravo Castillo, compón unha bibliografía fundamental do asunto en España de cara ao ecuador do século XXI.

Sen data de caducidade
Comentarios